Así o destacou Luis León esta mañá en resposta a unha pregunta no marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia

O xerente do Sergas salienta que máis do 50 % das mobilizacións da ambulancia medicalizada do Salnés se localizaron en Sanxenxo durante o verán

Nos meses de xullo e agosto a ambulancia medicalizada realizou 207 mobilizacións asistenciais, das cales 110 tiveron lugar en Sanxenxo, confirmando a conveniencia do emprazamento estival da base nesa localidade

Sinala que o traslado temporal deste recurso responde a unha planificación sanitaria rigorosa baseada en necesidades reais, actividade asistencial acreditada con datos e na procura da mellor atención posible para toda a poboación da comarca

Os datos acreditan tamén que a ambulancia funcionou ao servizo do conxunto da comarca do Salnés durante xullo e agosto

Lembra que durante o período estival a poboación de Sanxenxo pasa dos 18.000 habitantes censados a superar as 120.000 persoas

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León Mateos, salientou esta mañá no Parlamento de Galicia que máis do 50 % das mobilizacións da ambulancia medicalizada do Salnés se localizaron en Sanxenxo durante o verán, avalando a conveniencia do traslado da base a ese municipio.

No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, o responsable sanitario sinalou que, durante meses de xullo e agosto deste ano, a ambulancia medicalizada realizou 207 mobilizacións asistenciais, das cales 110 tiveron lugar en Sanxenxo e o resto nos concellos da comarca.

Así, os datos acreditan, tamén, que a ambulancia funcionou ao servizo do conxunto do Salnés en xullo e agosto pese ao traslado temporal da base.

Máis polo miúdo, abundou Luis León que, dos 207 servizos realizados, 78 resolvéronse no propio lugar de asistencia e outros 18 remataron con derivación a atención primaria. Así, o 46,4 % das asistenciais resolvéronse sen a necesidade de traslado hospitalario, que se rexistrou en 111 ocasións.

Neste senso, detallou que o traslado temporal da ambulancia nos meses de  verán responde a unha planificación sanitaria rigorosa baseada en necesidades reais, actividade asistencial acreditada con datos e na procura da mellor atención posible para o conxunto da poboación do Salnés.

Sobre este particular, explicou que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 realiza de xeito continuo estudos de planificación nos que se analiza a evolución demográfica, a distribución da poboación, a actividade asistencial, os tempos de resposta, os tempos de traslado hospitalario, a accesibilidade e a utilización real de cada recurso.

Así, Luis León Mateos apuntou que, durante o verán, Sanxenxo pasa de arredor de 18.000 habitantes censados a superar as 120.000 persoas durante a época estival. Este fenómeno implica máis desprazamentos, máis actividade económica, máis eventos, máis mobilidade e, en consecuencia, unha maior probabilidade de que se produzan urxencias e emerxencias sanitarias.

Nesta liña, indicou que esta é unha situación que se produce todos os anos na época estival. Así, nos meses de xullo e agosto de 2025 realizáronse 245 mobilizacións, das que 118 tiveron lugar no municipio pontevedrés.

A comarca do Salnés segue contando con cinco ambulancias de soporte vital básico operativas as 24 horas do día, cun reforzo adicional en Vilagarcía durante o verán, co apoio das unidades avanzadas situadas en Pontevedra, os helicópteros medicalizados do 061 e os reforzos específicos de atención primaria e do Hospital do Salnés durante os períodos de maior demanda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2026