Villaverde recoñece o saber facer artesanal de Conservas Sotavento co distintivo ‘Artesanía Alimentaria’

A Consellería do Mar concedeu preto de 200.000 € en axudas a Conservas Sotavento para apoiar investimentos e mellorar os seus procesos produtivos

Outes (A Coruña), 4 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe as instalacións de Conservas Sotavento, onde fixo entrega á compañía do distintivo oficial ‘Artesanía Alimentaria’ para as conservas de peixes e mariscos. O recoñecemento, outorgado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), permite á empresa empregar este selo da Xunta de Galicia nas súas elaboracións.

A titular de Mar resaltou o respaldo continuado da Xunta ao desenvolvemento deste proxecto empresarial. A Consellería do Mar concedeu preto de 200.000 € en axudas a Conservas Sotavento para apoiar diferentes investimentos vinculados á transformación e comercialización dos produtos do mar.

Entre as actuacións apoiadas figuran a creación dunha sala de elaboración de conservas artesanais orientada á posta en valor da pesca costeira e das marcas locais, melloras de eficiencia enerxética, a instalación dunha nova liña para a elaboración de sardiña, investimentos para optimizar a produción e o envasado de peixe e conservas e accións de promoción dos produtos pesqueiros.

Villaverde salientou que o selo Artesanía Alimentaria permite recoñecer e diferenciar as conservas elaboradas segundo métodos artesanais. Desde 2025, estas producións contan cunha norma técnica específica que regula aspectos como as materias primas, os procesos de elaboración e o grao de mecanización permitido.

Neste sentido, a titular de Mar destacou que o modelo de Conservas Sotavento mantén un marcado carácter artesanal, incorporando procesos manuais desde a preparación do produto ata o envasado e etiquetado. A compañía aposta ademais polo produto de proximidade, empregando sardiña, polbo, mexillón, navalla e algas procedentes das rías galegas, e utiliza envases de vidro que requiren a colocación das pezas á man.

A conselleira puxo en valor a Artesanía Alimentaria como figura de calidade diferenciada, que permite conservar o saber facer tradicional, diferenciar as producións galegas e incrementar o seu valor engadido. Ademais, incidiu en que este tipo de apoios responden á aposta do Goberno galego por favorecer unha industria transformadora competitiva que reforce a posición dos produtos galegos nos mercados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026