A Xunta organiza en Galicia as Xornadas europeas de Patrimonio fomentando o diálogo intercultural

Trátase dunha iniciativa que forma parte dun programa anual conxunto do Consello de Europa e a Unión Europea coa colaboración dos coordinadores nacionais

A proposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inclúe visitas, obradoiros e relatorios en Santiago de Compostela e no Grove entre setembro e outubro

O prazo de inscricións, para ao público xeral, estudantes, profesorado e profesionais abre mañá a través da web oficial desta cita

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2026

 A Xunta de Galicia organizará, entre setembro e outubro, as Xornadas Europeas do Patrimonio, no marco dun programa anual conxunto do Consello de Europa e a Unión Europea coa colaboración dos coordinadores nacionais dos países involucrados e que ten por obxectivo animar ás autoridades públicas e á cidadanía a valorar o patrimonio local en relación co patrimonio común europeo, fomentando o diálogo intercultural.

Así, mañá ábrese o prazo de inscrición na web oficial desta cita en cada unha das propostas que se desenvolverán en catro datas diferentes en Santiago de Compostela e no Grove baixo o lema Patrimonio en risco: revivir, resistir, reimaxinar e no que pode participar o público xeral, ademais de ser de particular interese para estudantado e profesorado vencellados ás temáticas a tratar.

Neste senso, os obxectivos deste encontro buscan analizar a vulnerabilidade e a diversidade do patrimonio europeo fronte aos riscos ambientais, sociais e tecnolóxicos, así como reflexionar sobre o seu papel como pilar da identidade e a resiliencia para protexer a memoria colectiva. Ademais, as accións programadas tamén contemplan a busca de respostas urxentes ás ameazas que poñen en risco o patrimonio, para asegurar a pervivencia dun legado compartido que siga sendo significativo e accesible para futuras xeracións.

Deste xeito, as xornadas poñen o foco en que todo tipo de institucións, como administracións, museos, bibliotecas ou escolas, e todo tipo de axentes culturais, tanto públicos como privados, de todos os países europeos promovan a posta en marcha de visitas guiadas, itinerarios culturais, xogos ou obradoiros para concienciar sobre os valores nos que se centra este acontecemento.

Cambio climático, urbanismo, artesanía e arqueoloxía

Neste marco, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude preparou un programa que comeza o sábado 19 de setembro cunha visita guiada ao xacemento de Adro Vello, no Grove, co título Cambio Climático: patrimonio costeiro baixo ameaza e que está dirixida ao público xeral. Unha acción que continuará o venres 9 de outubro, xa en Santiago de Compostela, cunha actividade de descubrimento patrimonial para escolares organizada baixo a premisa de Urbanismo e desenvolvemento e que se enfoca no alumnado de 2ª e 3ª da ESO.

A isto súmase, tamén na capital galega, o sábado 17 de outubro, o obradoiro Tradicións e prácticas: revitalización de artesanías, que versa no Museo do Pobo Galego sobre o traballo das tecedoras tradicionais e está aberto a todos os públicos. A programación rematará o o venres 13 de novembro coa xornada científica Cambio climático: patrimonio arqueolóxico en risco, que terá lugar no Museo das Peregrinacións e de Santiago con diversos relatorios de especial interese para estudantes e profesionais deste ámbito.

 

Data de actualización: 06/09/2026