O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración achegouse hoxe á celebración desta iniciativa enmarcada no proxecto piloto Vilas Vivas
A Xunta destaca a consolidación dos ‘Domingos Vivos’ como motor de dinamización comercial e cultural do casco histórico de Ribadavia
José González puxo en valor que a programación complementa a transformación que se está a impulsar na localidade a través da recuperación de locais en desuso e da posta en marcha de novos negocios, que chegarán a 15 este ano
A terceira edición, tras as desenvolvidas en xullo e agosto, volve ofrecer actividades musicais e de animación, visitas guiadas e a campaña Rasca e Gaña, con 1.000 premios para a clientela
A rede de establecementos de Vilas Vivas xa incorpora propostas vinculadas aos produtos agroalimentarios, á artesanía e ao comercio téxtil, ademais da Casa da Artesanía de Galicia, espazo permanente de posta en valor dos oficios tradicionais
Ademais, a Xunta e o Concello avanzan na ampliación da oferta da vila coa rehabilitación da antiga sede do Consello Regulador do Ribeiro como Centro do Viño e coa reforma da praza de abastos de cara á obtención do selo Mercado Excelente
Ribadavia (Ourense), 7 de agosto de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na terceira edición dos Domingos Vivos de Ribadavia, unha iniciativa de dinamización comercial, cultural e turística integrada no proxecto piloto Vilas Vivas, impulsado pola Xunta en colaboración co Concello de Ribadavia.
Durante a súa visita, destacou a consolidación desta programación, que se celebra cada primeiro domingo de mes co obxectivo de encher de actividade o casco histórico e acompañar a apertura dos novos establecementos vinculados ao proxecto.
Tras as dúas primeiras citas, celebradas nos meses de xullo e agosto, os Domingos Vivos continúan combinando actividade cultural e dinamización comercial, cunha programación que suma música, gastronomía, comercio, patrimonio e turismo. Ademais compleméntase coa oferta de visitas guiadas e coa campaña Rasca e Gaña, que contempla 1.000 premios, entre os que se inclúen descontos nos establecementos participantes, produtos de proximidade, viños do Ribeiro e estancias en hoteis e balnearios. Os boletos non premiados directamente poden participar nos sorteos de carácter mensual, como o celebrado hoxe.
Neste marco, González puxo en valor que a iniciativa está acompañando a transformación que xa se está a producir nas rúas de Ribadavia a través da recuperación de locais en desuso e da posta en marcha de novos negocios ao abeiro de Vilas Vivas, que chegará aos 15 este ano distribuídos en tres rúas e prazas do casco histórico. Así, a rede de establecementos xa conta con propostas vinculadas aos produtos agroalimentarios, a artesanía ou ao comercio téxtil, ademais da Casa da Artesanía de Galicia, que funciona como espazo permanente para a posta en valor dos oficios tradicionais.
O conselleiro lembrou que Vilas Vivas se enmarca no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e busca recuperar a actividade económica dos cascos históricos singulares mediante a rehabilitación de locais en desuso e a súa posta a disposición de emprendedores, comerciantes e artesáns. Neste sentido, salientou que Ribadavia constitúe un enclave idóneo pola súa tradición comercial, o seu patrimonio, a súa vinculación co viño e a súa capacidade de atracción turística.
De cara a fornecer todo o seu ecosistema comercial, lembrou que a Xunta tamén colabora co Concello de Ribadavia na futura rehabilitación da antiga sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro para a súa conversión no Centro do Viño, así como na reforma da praza de abastos da localidade –neste caso tamén coa participación da Deputación de Ourense– co obxectivo de avanzar cara á obtención do selo de Mercado Excelente.