López Campos convida a “explorar o proceso creativo” de Quintana Martelo nunha mostra en Teo
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na inauguración da exposición ‘Inside/Outside’ que recompila obras realizadas polo artista desde 2005
Teo (A Coruña), 4 de setembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a exposición Inside/Outside, no Auditorio Municipal da Ramallosa, no concello coruñés de Teo, onde destacou o “o universo artístico” de Quintana Martelo e convidou á veciñanza a “explorar os seus procesos creativos” a través desta mostra.
Neste senso, o representante da Xunta de Galicia resaltou que se trata dunha oportunidade para “achegarse á obra realizada por un dos nosos artistas máis destacados ofrecendo unha visión moi particular da súa produción nas últimas dúas décadas a través de diversas técnicas”. Fixo referencia así ao diálogo entre o interior e o exterior que contrapón os materiais do estudo cos obxectos e figuras da rúa amosando a construción desde o debuxo inicial ata a obra definitiva.
Ademais, o titular de Cultura do Goberno galego amosou o seu agradecemento ao municipio teense, do que Quintana Martelo é fillo adoptivo, por “contribuír ao coñecemento e por en valor a arte e cultura galegas facéndoas accesibles a todos os públicos con propostas como esta”.