O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento como estatutario fixo e a adxudicación de destino dos seleccionados en varios procesos selectivos

Resultan nomeados 8 profesionais na categoría de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, 16 na de técnico superior en dietética e 7 na de técnico superior en documentación sanitaria

Ademais, tamén acadan o nomeamento 2 profesionais na categoría de grupo técnico da función administrativa e 26 na de grupo de xestión da función administrativa

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso nas categorías de Grupo Técnico da Función Administrativa e Grupo de Xestión da Función Administrativa, convocado pola Resolución do 19 de decembro de 2023.

O Diario Oficial de Galicia tamén publica a resolución pola que se nomea persoal estatutario fixo aos seleccionados no concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional: técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en dietética e técnico en documentación sanitaria, convocados por Resolución do 19 de abril de 2024.

A resolución destes procesos de adxudicación de destino suporá a incorporación de 59 profesionais fixos ás institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia, afianzando o compromiso de reforzo co emprego estable na sanidade pública.

En concreto, en virtude destas resolucións, resultan nomeados 8 profesionais na categoría de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, 16 na de técnico superior en dietética e 7 na de técnico superior en documentación sanitaria.

Ademais, tamén acadan o nomeamento 2 profesionais na categoría de grupo técnico da función administrativa e 26 na de grupo de xestión da función administrativa.

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación destas resolucións no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo de toma de posesión remata o 7 de outubro de 2026.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable á persoa interesada e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. No entanto, en casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación nin recurso.

Data de actualización: 07/09/2026