O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe en Ferrol na xornada ‘Claves empresariais para liderar a transición ecolóxica’, organizada por AJE Galicia

A Xunta destaca as oportunidades da transición ecolóxica para crear emprego, atraer talento e impulsar novos negocios en Galicia

José González salienta que a descarbonización da economía está a transformar o mercado laboral, nun contexto que demanda novos perfís profesionais e exixe novas competencias e necesidades de cualificación

Explica que para dar resposta a esta realidade o Goberno galego aposta pola colaboración público-privada, a potenciación do talento interno a través da formación aliñada coas necesidades das empresas e a atracción de profesionais

Pon en valor o desenvolvemento do programa ‘Activa Verde’, que xa conta coa adhesión de preto de 600 persoas e que ofrece orientación e formación en tecnoloxías verdes a persoas afectadas polo peche das centrais de Meirama e As Pontes

Cómpre salientar tamén o potencial da transición ecolóxica para as novas oportunidades de emprendemento, destacando o acompañamento que ofrecen as 15 oficinas da Rede de Polos, unha delas situada en Ferrol

Ferrol, 8 de setembro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe en Ferrol na apertura da xornada Claves empresariais para liderar a transición ecolóxica, organizada por AJE Galicia, a Fundación Repsol e a Confederación Española de Asociacións de Jóvenes Empresarios (Ceaje), na que puxo en valor as oportunidades que a transición ecolóxica e enerxética representa para o emprego, o emprendemento e a competitividade de Galicia.

O conselleiro destacou que a descarbonización xa está a mudar actividades existentes e a impulsar novos sectores, profesións e necesidades de cualificación, polo que é preciso acompañar esta transformación garantindo que o talento estea preparado para responder ás necesidades presentes e futuras das empresas. Neste sentido, salientou que o papel da Xunta se articula arredor de tres piares: fomentar a colaboración público-privada, garantir que a formación para o emprego dea resposta aos retos do tecido produtivo e potenciar a atracción de talento exterior, co obxectivo de que Galicia conte coas persoas e as capacidades necesarias para aproveitar esta nova realidade.

No referido á formación, González puxo en valor o impulso do Goberno galego cara a un modelo máis flexible e conectado coas necesidades reais do tecido produtivo, reforzando a capacitación de persoas ocupadas e desempregadas e apostando por ferramentas máis áxiles, como as microcredenciais. Neste sentido, destacou a importancia de avanzar cara a unha formación que responda aos novos empregos e ás competencias que demandarán nos próximos anos os sectores vinculados á transición ecolóxica.

Neste sentido, fixo referencia ao proxecto Activa Verde —promovido pola Xunta cos axentes sociais e que conta co financiamento do Fondo Europeo de Transición Xusta— para favorecer a recualificación e a empregabilidade das persoas afectadas polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes. Desde a súa posta en marcha, o programa xa conta coa adhesión de preto de 600 persoas e ofrece orientación laboral e formación especializada en tecnoloxías verdes, eficiencia enerxética e dixitalización de procesos, adaptadas aos perfís e competencias das persoas participantes.

Por outra banda, o conselleiro salientou a importancia de seguir atraendo talento para responder ás necesidades do mercado laboral, aproveitando especialmente a diáspora galega a través de programas como o Retorna Cualifica Emprego e incorporando tamén a captación de talento de terceiros países, sempre de xeito ordenado e planificado.

Novas oportunidades de emprendemento

A transición ecolóxica abre novos espazos para o emprendemento en ámbitos como a economía circular, a eficiencia enerxética, as enerxías renovables, a xestión ambiental ou as solucións tecnolóxicas. Neste contexto, destaca a Rede de Polos, con 15 oficinas repartidas por Galicia —unha delas situada en Ferrol— e máis de 7.100 proxectos atendidos, que será o núcleo central da Estratexia de Emprendemento ligado ao territorio, co obxectivo de favorecer a creación de actividade económica e emprego de calidade en toda a Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2026