A Xunta celebra que máis da metade das persoas participantes no Programa Integrado de Emprego de Arteixo 2025-2026 atopasen xa un traballo

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe no acto de clausura do PIE impulsado polo Concello de Arteixo e apoiado polo Goberno galego cunha achega de 220.000 €, que supón a 14ª edición da iniciativa

Cun cento de persoas demandantes de emprego beneficiarias, o programa finalizará en outubro tras formalas na busca de emprego ou na orientación ao emprendemento, con contidos específicos sobre xestión loxística ou atención á clientela

Arteixo (A Coruña), 8 de setembro de 2026

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, acompañada polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, participou hoxe no acto de clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE) 2025-2026 impulsado polo Concello de Arteixo e apoiado pola Xunta cunha achega de 220.000 euros, que supón a edición número 14 da iniciativa. Alí, destacou que máis da metade do cento de persoas participantes están xa traballando cando aínda queda un mes para o final dos 12 meses de formación programados e tendo en conta que o compromiso mínimo de inserción laboral se fixaba no 45 %.

A directora xeral lembrou que as persoas beneficiarias dos PIE deben ser demandantes de emprego, con especial atención a colectivos prioritarios como as mulleres, a mocidade ou as persoas maiores de 52 anos. Reciben unha formación transversal —idéntica para todo o alumnado— que se centra en accións dirixidas á busca de emprego e mellora profesional, en asesoramento sobre emprendemento ou en prevención de riscos laborais, entre outros. Isto complétase con formacións específicas de interese para a contorna, neste caso, arredor da xestión loxística, almacén, manexo de carretilla, atención á clientela en grandes superficies, limpeza e servizos.

Lado aproveitou o acto para poñer en valor que máis de 70 alumnos realizaron 80 horas de prácticas laborais en 30 empresas de distintos sectores, proba da demanda deste tipo de formacións. Engadiu que o Programa Integrado de Emprego de Arteixo se enmarca na colaboración imprescindible coas administracións locais a prol da empregabilidade, impulsando a cualificación ligada ás necesidades concretas que ten cada territorio e promovendo a cobertura de vacantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2026