O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración fixo entrega do ‘Premio Peme do Ano’ impulsado polas cámaras de comercio de Santiago e A Coruña e clausurou o acto
A Xunta defende na entrega do ‘Premio Peme do Ano da Coruña’ a colaboración público-privada para dar resposta aos principais desafíos do mercado laboral
José González pon en valor tanto a empresa que levou o premio como as recoñecidas cos áccesits á formación e o emprego, á internacionalización, á dixitalización e innovación e á sostibilidade, ademais da mención especial ao legado empresarial
Destaca a necesidade de reforzar o diálogo e a escoita activa con axentes clave como as cámaras de comercio, reafirmando o compromiso co pulo ao emprendemento e ao emprego de calidade, dentro dun mercado laboral forte, dinámico e inclusivo
Nesa folla de ruta, debulla a estratexia galega para a creación e mantemento de negocios e para dar resposta ás necesidades de empresas e persoas traballadoras en canto á formación para o emprego e a cobertura de vacantes
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, fixo entrega hoxe do Premio Peme do Ano da Coruña a Betanzos HB pola súa aposta referente no eido da fabricación, transformación e comercialización de taboleiros e fibras de madeira. Na clausura do acto impulsado polas cámaras de comercio de Santiago de Compostela e A Coruña, aproveitou para apelar á colaboración público-privada como imprescindible á hora de dar resposta aos principais desafíos e retos do mercado laboral galego.
O conselleiro celebrou que, a maiores da principal galardoada, se recoñecese cos respectivos áccesits o labor de diferentes firmas no eido da formación e o emprego (Ineltrón Solutions), a internacionalización (Textiles Gabitex), a dixitalización e a innovación (Genesal Energy) e a sostibilidade (Grupo Oca), ademais da mención especial ao legado empresarial (Grupo Intaf). Poñéndoas todas en valor nos seus diferentes sectores económicos, desexoulles que tamén resulten distinguidas no certame nacional que terá lugar o ano que vén.
Compromiso da Xunta
Para seguir consolidando o tecido produtivo galego, González reafirmou o compromiso autonómico co pulo ao emprendemento e ao emprego de calidade, no marco dun mercado laboral forte, dinámico e inclusivo. No primeiro dos casos, citou a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, que terá como fío condutor a Rede de polos que leva atendido máis de 7.100 iniciativas; e a Rede Ultreia de colaboración público-privada que supera as 150 adhesións.
Canto ao emprego, o representante da Xunta apelou a impulsar o talento interno, a través dun modelo pioneiro de formación para o emprego, máis flexible e conectado coas necesidades reais das empresas, e de novas ferramentas máis áxiles como as microcredenciais. Tamén avogou por atraer talento cando sexa necesario, sempre a través dun modelo propio, ordenado, seguro, vinculado ás necesidades do tecido produtivo e en beneficio da Comunidade.
Neste segundo caso, José González apostou por captar primeiro as galegas e galegos residentes no exterior e, nun segundo termo, as persoas de terceiros países. Nese senso, urxiu o traspaso por parte do Goberno central das competencias relativas ás súas autorizacións iniciais de traballo, ademais da axilización das homologacións de títulos.
O representante autonómico concluíu sinalando que ningún dos obxectivos marcados se podería acadar sen recorrer á colaboración público-privada, da man de axentes clave como as cámaras de comercio. Nesa liña, comprometeuse a seguir escoitando o tecido produtivo e a actuar como unha Administración facilitadora co gallo de seguir medrando e prosperando.