Medio Rural destaca o potencial da pequena produción agroalimentaria para xerar valor no territorio
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na inauguración da exposición O pequeno é grande. Historia das marmeladas do Barbanza, impulsada pola Fundación RIA. Alí destacou o potencial da pequena produción agroalimentaria galega para xerar valor engadido e actividade económica no territorio, poñendo como exemplo o selo Artesanía Alimentaria de Galicia, que permite identificar, diferenciar e poñer en valor pequenas producións elaboradas por artesáns alimentarios, vinculadas á calidade, ao saber facer e á súa orixe.
A mostra toma como fío condutor o aproveitamento dos cítricos das hortas familiares do Barbanza para a elaboración de marmeladas, como exemplo de como recursos locais infrautilizados poden transformarse en produtos con valor engadido.