María José Gómez destaca o éxito da formación agraria en Galicia con 614 persoas matriculadas nos CFEA, un 10 % máis que no curso anterior

A conselleira do Medio Rural deu a benvida ao alumnado que comeza este novo curso no CFEA Pedro Murias de Ribadeo, cun 73 % máis de matriculacións nos seus ciclos, entre os que destaca o novo de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal

Destacou a consolidación da tendencia á alza do número de matriculacións nos últimos anos, o que demostra a demanda que está a ter en Galicia a formación na rama agraria

Gómez tamén puxo en valor que preto da metade son mulleres, o que amosa que se segue avanzando na presenza feminina nos sectores máis masculinizados

Ribadeo (Lugo), 11 de setembro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, achegouse hoxe ata Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo para darlle a benvida ao alumnado que comezan o curso nel. Durante a visita, destacou o éxito da formación agraria en Galicia, con 614 persoas matriculadas nestes centros dependentes da Consellería, o que supón un 10 % máis con respecto ao curso anterior.

Deste xeito, a titular do departamento salientou que estas cifras amosan a consolidación da tendencia á alza do número de matriculacións nos últimos anos, o que demostra a demanda que está a ter en Galicia a formación na rama agraria. A maiores, tamén puxo en valor que preto da metade das persoas matriculadas son mulleres, o que amosa que se segue avanzando na presenza feminina nos sectores máis masculinizados. Neste sentido, no Pedro Murias as alumnas supoñen o 50 % das matriculacións, mentres que noutros centros como os de Guísamo ou Sergude, a súa presenza é maioritaria.

A conselleira destacou que os diferentes CFEA repartidos polo territorio son de moita importancia para o agro galego,  xa que é o lugar onde se forma ás futuras persoas traballadoras do rural, impulsan a remuda xeracional e contribúen a profesionalizar este sector. Así, resaltou que se traballa ano tras ano para mellorar a súa oferta formativa para ofrecerlle á mocidade unha formación de calidade vencellada coa rama agraria.

Gómez lembrou algunhas novidades neste ámbito, como o novo ciclo superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal no CFEA Pedro Murias, que se suma a outras do pasado curso como foron a reapertura da residencia nese centro de Ribadeo, con 21 prazas para favorecer a conciliación do alumnado; a oferta do curso de Especialización e Floraría e Arte Floral en Guísamo; ou a ampliación das prazas na FP Dual (intensiva) de Gandaría e Asistencia Animal en Sergude.

Un 73 % máis de alumnado en Ribadeo

Nesta benvida ao alumnado do CFEA Pedro Murias de Ribadeo, a conselleira destacou que este centro conta este curso 2026/2027 con 52 alumnos e alumnas, sendo o que experimenta un maior crecemento no número de matriculacións, cunha suba superior ao 70 % con respecto ao anterior.

Neste sentido, puxo de relevo que esta evolución coincide co reforzo da oferta formativa, que este ano estrea o ciclo superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, moi demandando e o cal conta con 22 persoas matriculadas. Isto supón que este ciclo representa máis do 40 % da matrícula total deste centro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2026