A Xunta destaca o Pont-Up Store como un escaparate clave para o talento emprendedor, a dinamización do territorio e o impulso do trabalo autónomo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, participou na inauguración da 13ª edición deste espazo de emprendemento na Praza de España

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social e o director xeral de Comercio e Consumo porán en valor a estratexia do Goberno galego para apoiar aos emprendedores, consolidar o comercio local e revitalizar o rural

Pontevedra, 11 de setembro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, participou esta mañá no acto inaugural da 13ª edición do Espazo de Emprendemento Pont-Up Store, onde destacou o compromiso do Executivo galego co desenvolvemento de novas iniciativas empresariais que contribúen a fixar poboación, dinamizar a economía local e xerar emprego de calidade.

Na súa intervención, o delegado territorial subliñou o valor deste encontro como un auténtico "termómetro do talento e da capacidade de innovación que existe en Galicia". Fernández puxo en valor a alta presenza de proxectos procedentes do rural e pequenas vilas, así como a consolidación do liderado feminino, e reafirmou o apoio continuado da Xunta ás persoas que deciden poñer en marcha un negocio na comunidade.

Tras o acto de presentación as autoridades desprazáronse á carpa situada na praza de España para visitar algunhas das casetas dos 48 proxectos emprendedores participantes. Neste sentido, o delegado destacou a importancia “de ser proactivo e buscar ferramentas e iniciativas que che axuden a desenvolver o teu negocio”.

Emprendemento e comercio

Xa pola tarde, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participarán na mesa redonda sobre iniciativas de apoio ao emprendemento organizada pola Xunta no marco do evento. No caso de Mariño, exporá o traballo q se está a facer no deseño da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio que terá como fío condutor a Rede de polos que leva atendido máis de 7.100 proxectos en toda Galicia e que conta con centros, no caso da provincia de Pontevedra, en Silleda, Vilanova de Arousa e O Porriño. Tamén se referirá á Rede Ultreia de colaboración público-privada á que están adheridas xa máis de medio cento de entidades co fin de garantir que os recursos a favor do traballo por conta propia chegan a calquera lugar da Comunidade.

Pola súa banda, Alén debullará a iniciativa autonómica Vilas Vivas, que —no seo do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030— busca revitalizar cascos históricos singulares, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico. En concreto, impúlsase a rehabilitación de baixos en desuso e a súa posta a disposición de persoas comerciantes e artesás. Segundo explicou o director xeral, o proxecto xa arrancou como piloto en Ribadavia, onde se prevé abrir este ano un total de 15 establecementos distribuídos por rúas e prazas do casco histórico.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2026