Medio Rural reafirma a súa aposta pola conservación e impulso das razas autóctonas na feira de gando de Augaxosa en Riotorto
A conselleira María José Gómez asistiu hoxe este evento, onde salientou a importancia que teñen estes animais para o territorio e o patrimonio galego
Sinalou que a Xunta conta cun convenio activo con diferentes entidades, dotado cun orzamento de 2,5 millóns de euros ata 2027, co fin de apoiar actividades de recuperación, conservación e fomento destes animais
Lembrou que a xunta vén de lanzar a primeira convocatoria dos premios Exceraza, coa que se recoñecerá a excelencia e o traballo das persoas criadoras de razas bovinas autóctonas ameazadas
Gómez fixo tamén referencia ás achegas destinadas á recría destas razas, que este ano contan cun orzamento de 390.000 euros
Riotorto (Lugo), 12 de setembro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe á Feira de Gando de Augaxosa, no concello lucense de Riotorto, onde reafirmou o compromiso do Goberno autonómico pola conservación e o impulso das razas autóctonas da nosa comunidade. Neste sentido, salientou a importancia que teñen estes animais para o territorio e o patrimonio galego.
Así, lembrou que a Consellería conta cun convenio activo con diferentes entidades, entre elas coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga (que organiza unha mostra neste evento) co obxectivo de apoiar actividades de recuperación, conservación e fomento destas razas. A iniciativa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros ata o ano 2027.
A aposta da Xunta maniféstase tamén coa primeira convocatoria dos premios Exceraza, coa que se recoñecerá a excelencia do traballo das persoas criadoras de razas bovinas autóctonas ameazadas de Galicia. Mediante esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración con Boaga, ponse en valor a gran relevancia social, medioambiental e cultural destas razas para Galicia, así como ás granxas destes animais, que son un dos motores económicos do rural galego.
Estes galardóns teñen como finalidade distinguir a actividade dos gandeiros no proceso de cría das razas bovinas autóctonas a prol do mantemento destes recursos zooxenéticos, conseguindo uns produtos cárnicos de maior calidade de forma sustentable e velando polo benestar animal. Establécense cinco categorías, unha por cada raza ameazada -Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa-, e dentro de cada categoría os premios estrutúranse en tres bloques: á Excelencia Gandeira, ao Legado e Vigor e á Identidade e Semente da Raza.
Axudas para a recría
Por outra banda, María José Gómez fixo referencia ás achegas destinadas á recría das razas autóctonas de ruminantes ameazadas, que este ano contan cun orzamento de 390.000 euros. Esta partida ten como fin apoiar ás persoas gandeiras que apostan pola preservación do patrimonio xenético, así como pola sustentabilidade no rural.