Medio Rural aposta pola formación como ferramenta esencial para un sector agrario máis profesional e competitivo
Así o destacou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, na súa comparecencia, a petición propia, na Comisión 7ª do Parlamento para avaliar os resultados da actividade formativa 2026 e de planificación para 2027
En resposta a unha pregunta sobre o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, Alemparte explicou que esta estratexia combina promoción directa e apoio ao sector cun orzamento de máis de 10 millóns de euros este ano
Por outra banda, o director xeral de Defensa do Monte asegurou que todo o persoal de extinción de incendios recibiu os equipamentos de protección individual regulamentarios e o autorrescatador previsto como complemento de seguridade
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
A Consellería do Medio Rural aposta pola formación como ferramenta esencial para un sector agrario máis profesional e competitivo. Así o trasladou hoxe o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, na súa comparecencia, a petición propia, na Comisión 7ª do Parlamento para avaliar os resultades da actividade formativa 2026 e de planificación para 2027.
No relativo á formación regrada, detallou algúns datos relativos á matriculación nos Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) para o curso 2026/27, como a oferta de 428 prazas de novo ingreso, unha cifra que se vén incrementando cada ano. A maiores lembrou a importancia de facilitar o acceso á formación, independentemente do lugar no que residan. Deste xeito, resaltou a reapertura da residencia do CFEA Pedro Murias de Ribadeo, completa este curso, ao igual que a do centro de Sergude.
Na súa intervención tamén puxo de relevo a capacitación das persoas que queren incorporarse profesionalmente ao sector. Neste sentido, destacou a Aptitude Empresarial Agraria cun itinerario formativo de 250 horas que combina coñecementos de xestión empresarial, económicos, ambientais e técnicos adaptados ás diferentes orientacións produtivas.
A maiores, sinalou que desde a Consellería este ano estase a facer un esforzo por achegar esta información ao territorio e adaptala ás necesidades produtivas de cada zona. Así, xa se executaron 33 módulos formativos, que suman máis de 1.150 horas e preto de 600 participacións, en As Pontes, Santa Comba, Boqueixón, Carballo e Xinzo de Limia. “O que queremos é impartir a formación adecuada, no lugar adecuado e cando realmente existe unha necesidade”, afirmou.
Por outra banda, o director resaltou a relevancia da formación continua para actualizar os coñecementos dos profesionais do sector e lembrou que para este 2026 se aprobou unha programación de arredor de 200 accións formativas que superan as 4.500 horas. E por último, salientou a formación habilitante en ámbitos como a capacitación en produtos fitosanitarios e en materia de benestar
Así mesmo, o director avanzou que se segue a traballar nunha actuación de carácter estrutural, a configuración dun novo marco normativo para a formación agraria e habilitante. Explicou que o obxectivo é actualizar, ordenar e simplificar unha regulación que foi desenvolvéndose ao longo do tempo a través de diferentes normas e procedementos, polo que se queren establecer regras máis claras e procedementos máis homoxéneos. Ao mesmo tempo, engadiu, tamén se quere avanzar na dixitalización e na redución das cargas administrativas neste ámbito.
De cara ao 2027, o director salientou que se seguirá apostando por un modelo de formación agraria arredor de tres ideas, que son territorio, cunha maior implantación territorial da formación continua; adaptación, adecuando a evolución da demanda ás necesidades profesionais do sector; e transferencia, con proxectos demostrativos que leven asociados de forma obrigatoria accións específicas de transferencia ao sector. A maiores, destacou que no 2027 investiranse 900.000 para formación continua e 150.000 para accións de transferencia tecnolóxica.
Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén deu resposta a unha pregunta relativa ao Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, unha estratexia á que este ano se destinaron máis de 10 millóns de euros, dous máis que en 2025, a través do cal se combina promoción directa e apoio ao sector.
Salientou que o plan non trata só de promocionar produtos agroalimentarios. Explicou que busca conseguir que o consumidor teña diferentes opcións, recoñeza a calidade diferenciada galega, saiba o que hai detrás de cada selo -en Galicia hai 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, ás que se suman Agricultura Ecolóxica e Artesanía Alimentaria- e a escolla. Alemparte engadiu que ao mercar estes produtos, estase apoiando unha explotación, unha industria, un oficio e unha forma de producir que mantén a actividade económica no rural e, en definitiva, fai territorio.
Equipamento operativo de loita contra os incendios
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, tamén deu resposta a unha pregunta relativa ao seu departamento. Neste senso, asegurou que todo o persoal de extinción de incendios recibiu os equipamentos de protección individual regulamentarios e o autorrescatador previsto como complemento individual de seguridade.
Sinalou que esta dotación é coherente co disposto no Pladiga 2026, que establece que as persoas relacionadas coa extinción levarán o autorrescatador de forma individualizada para a súa utilización ante unha emerxencia grave ou unha situación de atrapamento. Francisco tamén engadiu que as necesidades puntuais derivadas de novas incorporacións, cambios de talle, deterioración, perda ou substitución dalgún elemento aténdese mediante a rede de almacéns dos distritos forestais, dos servizos provinciais e do almacén central.