Turismo de Galicia presentará no encontro que terá lugar no Lago de Como (Italia), a esencia e singularidade dos xardíns históricos e a súa relación coa natureza
A Xunta participa por primeira vez en Orticolario, a feira de referencia europea en xardiñaría e paisaxismo
A presenza institucional será a través dun espazo inmersivo que recrea un pazo galego recuperado pola vexetación
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2026
Galicia volve mirar cara Europa para amosar aquilo que a fai distinta: unha terra onde o xardín e a natureza non é un engadido á paisaxe, senón unha forma de habitala. Do 1 ao 4 de outubro, Turismo de Galicia estará presente en Orticolario, a cita dedicada ao paisaxismo, o deseño de xardíns e a cultura botánica, que cada ano congrega en Italia, nos xardíns históricos de Villa Erba, á beira do lago de Como, a paisaxistas, viveiristas, deseñadores e amantes da natureza de toda Europa.
A cita, que en 2026 acada a súa décimo sexta edición desde a súa creación en 2009, consolidouse como referencia indiscutible do sector en Italia e no continente. As súas últimas edicións reuniron a máis de 250 expositores procedentes de toda Italia e doutros países europeos, cun público que combina profesionais do paisaxismo cun crecente número de viaxeiros e afeccionados chegados tamén de fóra de Italia. Esta dimensión internacional, unida ao perfil especializado e de alto poder adquisitivo de quen a visita, converte a Orticolario nun escaparate idóneo para un destino como Galicia.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia e da man de Turespaña, aposta por este escaparate de prestixio internacional consciente de que Orticolario reúne un público esixente, sensible á calidade e cun elevado nivel adquisitivo: o visitante perfecto para descubrir un destino que basea a súa proposta turística na autenticidade e a excelencia, valores que sintetiza a marca Galicia Calidade, un selo que identifica e garante os produtos e servizos turísticos da comunidade.
Neste senso, a Xunta avanza así no deseño dunha proposta turística Premium, centrada na captación dun visitante de maior capacidade de gasto e na promoción de experiencias singulares e de alto valor engadido, que contribúan a incrementar o impacto económico do turismo no territorio.
Un pazo recuperado pola natureza
O espazo galego, duns 90 metros cadrados, foi concibido como unha experiencia inmersiva antes que como un simple stand. A escenografía recrea o interior dun antigo pazo abandonado no que o tempo permitiu que a natureza reconquistase cada estanza. A vexetación ábrese paso entre os muros, a pedra e o verde fundíndose nunha mesma atmosfera.
Arredor da gran instalación central, distintas áreas de información turística darán a coñecer ao visitante a ampla oferta de Galicia, co foco posto no seu patrimonio natural e cultural, os seus xardíns históricos, a camelia como emblema botánico, as rutas paisaxísticas, a gastronomía e un modelo de turismo sostible e de calidade que se vive os doce meses do ano.
A artesanía terá tamén o seu propio protagonismo. Unha artesá galega realizará demostracións en directo durante toda a feira. Ademais, impartirá dous obradoiros participativos convidando aos participantes a achegarse á artesanía contemporánea inspirada na flora galega.
Tamén arredor do espazo principal, unha zona bautizada como 'Invernadoiro' recreará un acolledor salón de té onde se ofrecerán degustacións de infusións elaboradas con camelia de Galicia, planta profundamente ligada aos xardíns históricos do territorio e símbolo botánico da comunidade. A experiencia completarase cunha selección de doces tradicionais galegos, nun ambiente que evoca a hospitalidade propia dos pazos e que convida ás persoas visitantes a descubrir algúns dos sabores máis característicos de Galicia. Un espazo pensado, ademais, para trasladar ao visitante a calidez da acollida galega, sinal de identidade do destino que Turismo de Galicia quere proxectar tamén fóra das súas fronteiras.
Turismo de Galicia ultima a súa participación en Orticolario cunha aposta na que non falta a Ruta da Camelia, un itinerario que convida a descubrir Galicia de xardín en xardín, de pazo en pazo, seguindo o rastro dunha flor que converteu a comunidade en referencia internacional e que sintetiza, mellor que ningunha outra, a relación entre natureza, memoria e beleza que define a paisaxe galega. Un relato que, de cara a 2027, collerá aínda máis forza coa celebración do Xacobeo 27, novo Ano Santo Xacobeo que sitúa o Camiño de Santiago e toda Galicia no centro da axenda turística internacional.
A presenza en Orticolario servirá tamén como plataforma para reforzar a promoción de Galicia no mercado italiano. Con este obxectivo, celebrarase no interior de Villa Erba un encontro dirixido a medios de comunicación italianos especializados en turismo, viaxes, estilo de vida e gastronomía, no que se presentarán os principais recursos e produtos turísticos da comunidade.
A acción promocional en Orticolario enmárcase no Plan de Promoción Turística 2026 que inclúe máis de 150 accións en arredor de 20 mercados internacionais para consolidar Galicia como destino turístico de referencia a nivel global.