O Sergas publica a relación de aspirantes admitidos no concurso-oposición para o ingreso en 23 categorías de persoal estatutario

Resultan admitidos, con carácter definitivo, 21.909 aspirantes para un total de 826 prazas

A categoría con maior número de admisións é do grupo auxiliar da función administrativa, 7.994, seguida de celador con 7.599

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se dá a coñecer á relación definitiva de admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso en 23 categorías de persoal estatutario.

Resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 21.909 aspirantes. Un total de 496 aspirantes inscribíronse pola quenda de promoción interna, 19.379 pola quenda de acceso libre, 1.729 pola quenda de discapacidade xeral e 305 persoas para as prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Da totalidade das persoas admitidas, 1.081 son para categorías de licenciado sanitario, 1.723 son para categorías de diplomado sanitario e 19.105 son para categorías de xestión e servizos.

A categoría con maior número de persoas aspirantes admitidas é do grupo auxiliar da función administrativa (7.994), seguida de celador (7.599).

Do conxunto de persoas admitidas, preto do 87 % están exentas de realizar a proba de lingua galega por estar en posesión do correspondente certificado oficial acreditativo do nivel de coñecemento de lingua galego que lle dá dereito a mencionada exención.

Un total de 826 prazas ofertadas

Nestes procesos selectivos ofértanse un total de 826 prazas. Nomeadamente, ofértanse 58 prazas para as categorías de licenciado sanitario, das cales, 31 correspóndense a farmacéutico de atención primaria, 8 a médico asistencial do 061, 5 a médico de admisión e documentación clínica, 6 a médico xeral de ADOS e 8 a odontólogo de Atención Primaria.

Pola súa banda, 88 prazas corresponden a diversas categorías de persoal diplomado sanitario. En concreto: 45 corresponden á dietista-nutricionista, 27 a fisioterapeuta, 5 a logopedista e 11 a terapeuta ocupacional.

Para o persoal de xestión e servizos ofértanse 680 prazas, das cales 7 corresponden á categoría do calefactor, 348 a celador (29 delas reservadas para discapacidade intelectual), 15 a condutor, 11 a electricista, 8 a fontaneiro, 200 ao grupo auxiliar da función administrativa (8 delas reservadas para discapacidade intelectual), 6 a lavandeiro, 5 a mecánico, 5 a técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, 9 a técnico xestión de sistemas e tecnoloxías da información, 9 a técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información e 57 a traballador social.

As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas, ao dispor das persoas usuarias, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Así mesmo, existe un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de recurso.

Data de actualización: 14/09/2026