A Xunta outorga ao Concello de Fisterra unha concesión para ocupar 4.400 m2 na praia do Sardiñeiro destinados a paseo e zona de uso público recreativo

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático regulariza deste xeito a ocupación correspondente a un paseo marítimo existente, así como do parque infantil instalado nunha zona axardinada

Permitirá tamén ao Goberno local acometer a rehabilitación e reforma da área de xogos existente, cuxas obras deberán comezar nun prazo máximo de seis meses

O título autoriza exclusivamente a ocupación do dominio público marítimo-terrestre e non exime o Concello da obtención dos demais permisos, licenzas ou autorizacións

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia outorgou ao Concello de Fisterra unha concesión para ocupar 4.477 m² de dominio público marítimo-terrestre (DPMT) na praia de Sardiñeiro, terreos destinados actualmente a un paseo e a zonas de espazos libres de uso público, lúdico e recreativo.

Con este título concesional, cuxo anuncio publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, se regulariza a ocupación correspondente a un paseo marítimo existente, así como ao parque infantil instalado polo concello nunha das zonas axardinadas, regularización que fora solicitada a Costas do Estado xa no ano 2019 e cuxo expediente recibiu a Xunta o verán pasado, tras asumir o traspaso efectivo das funcións e servizos para a xestión da costa.

Trátase dun novo título que dá cobertura a instalacións e usos públicos xa existentes e que permitirá, ademais, a rehabilitación e reforma da actual zona de xogos que hai nas inmediacións do areal.

En concreto, o proxecto inclúe a rehabilitación do parque infantil, dunha superficie aproximada de 370 m², mediante o desmonte, a limpeza e a adaptación dos xogos e randeeiras ás normas de seguridade, o valado de madeira desta área e o plantado de céspede natural. Na zona tamén existen aparellos ximnásticos biosaudables.

As obras previstas deberán comezar no prazo máximo de seis meses e quedar rematadas en 14 meses. Ademais, o título autoriza exclusivamente a ocupación do DPMT e non exime o Concello de Fisterra da obtención dos demais permisos, licenzas ou autorizacións que resulten esixibles conforme á normativa sectorial.

Data de actualización: 14/09/2026