A conselleira do Medio Rural visitou o obradoiro de Aboamigalla en San Cristovo de Cea
Medio Rural destaca o valor e a tradición da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, a máis antiga de España no seu sector
María José Gómez pon en valor o traballo da ducia de fornos que nesta localidade ourensá apostan polo produto autóctono e por esta IXP, un labor recoñecido mesmo no ámbito internacional
Salienta a xeración de riqueza e emprego que supón esta actividade, con máis de 400.000 pezas anuais de pan certificadas e un valor estimado que supera o millón de euros
Enxalza o cultivo do trigo en Galicia, non tanto polo súa cantidade no contexto español como pola conservación de variedades tradicionais e pola súa relación coa elaboración do Pan de Cea e do Pan Galego
San Cristovo de Cea (Ourense), 15 de setembro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o valor e a tradición da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, a máis antiga de España no seu sector e que “constitúe unha referencia para outros selos semellantes”, segundo afirmou na súa visita ao obradoiro de Aboamigalla.
Este forno de San Cristovo de Cea é un dos doce agrupados actualmente na IXP e ten recibido recoñecementos mesmo no ámbito internacional, tales como o premio Best Artisan Bakery 2025-Galicia, polo seu traballo como panadaría artesanal, algo que tamén foi posto en valor pola conselleira.
Nesta visita, Gómez sinalou tamén que o Pan de Cea xera riqueza e emprego, como se pon de manifesto coas máis de 400.000 pezas anuais de produto certificadas e un valor económico estimado que supera o millón de euros. Trátase, así mesmo, dun pan que sobresae, ademais de pola súa calidade, pola súa antigüidade, o seu carácter artesanal e a súa estreita vinculación co territorio.
A importancia do cultivo do trigo en Galicia
Neste contexto, a conselleira subliñou a importancia do cultivo do trigo en Galicia, non tanto polo súa cantidade en comparación co conxunto de España como pola conservación de variedades tradicionais e pola súa relación coa elaboración do Pan de Cea e do Pan Galego, as dúas IXP da nosa comunidade neste sector da panadería.
Así, puxo de relevo variedades autóctonas deste cereal, como Callobre e Caaveiro, seleccionadas a partir de ecotipos tradicionais galegos polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, adscrito á Consellería do Medio Rural. Nesta liña, Gómez indicou que estas castes teñen especial relevancia pola súa contribución á conservación do patrimonio xenético e alimentario propio da nosa comunidade.
A maiores, a titular de Medio Rural reafirmou o apoio da Xunta a estas producións de calidade, que cualificou como “pancas” de impulso e desenvolvemento do rural e que se pon de manifesto mediante iniciativas coma o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada. Un plan que este ano conta cun orzamento de 10 millóns de euros, dous máis que o anterior, e que está enfocado a facer promoción dos diferentes indicativos de calidade que ofrece a nosa comunidade e que -afirmou Gómez- “son o mellor exemplo do que é a Galicia Calidade”.
A conselleira reiterou así que a “extraordinaria” despensa alimentaria galega representa un valor económico, social e cultural que cómpre coidar e potenciar, algo no que vén traballando o Goberno autonómico, remarcou.