A Xunta remata a glorieta e o acondicionamento do acceso á Fonsagrada pola estrada autonómica LU-530
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, destacou as actuacións do Goberno galego no municipio durante unha xuntanza co alcalde, Carlos López
Explicou que se invisten máis de 400.000 euros nesta obra e no convenio polo que se cede ao concello a vía LU-730, que se corresponde coa rúa Maior do núcleo urbano
A Fonsagrada (Lugo), 15 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia rematou a construción dunha glorieta e o acondicionamento do acceso á Fonsagrada na estrada autonómica LU-530, na confluencia coas vías LU-730 e LU-740, que supuxo un investimento de 223.000 euros.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe o resultado dos traballos que, segundo afirmou, “serviron para mellorar tanto a seguridade viaria como a estética desta zona, que asume un considerable volume de tráfico e está na traza do Camiño Primitivo”.
Villares tamén mantivo unha xuntanza institucional co alcalde, Carlos López, na que destacou que esta actuación terá continuidade co proxecto de humanización da LU-730 mediante o convenio polo que o Goberno galego financia as obras, con preto de 200.000 euros, e cede ao concello a titularidade da vía, que se corresponde coa rúa Maior do núcleo urbano.
A intervención na rotonda xa implicou a reforma do ramal de acceso nos primeiros metros da LU-730, incorporando beirarrúas, cinco prazas de aparcamento e iluminación LED. Ademais, durante a primeira fase das obras, o Goberno galego colaborou na renovación da rede de abastecemento e saneamento municipal.
A glorieta ten un diámetro exterior de 30 metros, con beirarrúas, e a parte central conta con céspede artificial, unha columna de iluminación con catro proxectores LED e letras decorativas luminosas a modo de benvida á vila.
Outros investimentos
No ámbito das infraestruturas, Alfonso Villares referiuse ademais ao orzamento destinado á mellora de pistas de titularidade municipal a través do Plan Camiña Rural, que suma 226.700 euros nas convocatorias do 2025 e 2026.
Igualmente, lembrou que o concello foi beneficiario dunha axuda de máis de 93.000 euros da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para acometer labores no saneamento de augas de escorrenta pluvial na Airexa e para a adquisición de equipamento, e tamén dunha achega de 15.000 euros para tarefas de mantemento das rutas de Gallol e Pena Guímara.
No que respecta aos servizos sociais, sinalou que a Consellería de Política Social e Igualdade destinará nesta lexislatura 3,1 millóns de euros a financiar o Servizo de Axuda no Fogar no municipio.
Por último, no tocante á promoción do emprego, destacou a implantación na localidade dun dos cinco Polos de Emprendemento da provincia de Lugo, que dá servizo á comarcas de Meira, A Fonsagrada, Os Ancares e ao concello de A Pontenova. Ofrece asesoramento individualizado e gratuíto ás persoas que buscan iniciar unha actividade ou dar continuidade e consolidar un negocio xa existente.