A Xunta lamenta que non houbese avances na xuntanza técnica de hoxe para axilizar o traspaso das competencias sobre as autorizacións iniciais de traballo e agarda que se resolva na próxima reunión
A transferencia sofre unha nova demora ao recoñecer o Goberno central que cometeu un erro na proposta presentada á comunidade autónoma
O Goberno galego incide na importancia de avanzar no traspaso dunha competencia estratéxica para responder as necesidades reais do mercado laboral de Galicia
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026
A Xunta lamenta que non houbese avances na xuntanza técnica mantida hoxe para axilizar o traspaso das competencias sobre as autorizacións iniciais de traballo, tras recoñecer o Goberno central que cometera un erro na proposta presentada.
A Xunta lamenta esta nova demora na materialización do traspaso e agarda que o Goberno central cumpra o seu compromiso de enviar novamente a proposta no menor tempo posible, dándolle resposta ás demandas que expuxo a comunidade autónoma de Galicia, de maneira que se poida resolver o traspaso na próxima reunión.
O Goberno galego leva tempo demandando acelerar o ritmo na transferencia das autorización iniciais de permisos de traballo das persoas estranxeiras, considerándoa unha competencia estratéxica para responder as necesidades reais do mercado laboral galego.
De feito, tras o encontro de hoxe, a Xunta contaba con poder pechar neste mes a negociación sobre o traspaso dunha competencia que resulta prioritaria para Galicia e que debe vir acompañada dos medios materiais, humanos e económicos necesarios para asegurar o seu desenvolvemento con garantías.