Belén do Campo anima aos viaxeiros a participar no Outono Gastronómico en Turismo Rural 2026 que conta cunha oferta de 71 establecementos adheridos en Galicia

Ofrécense desde menús especiais, ata paquetes con estadías e nalgunhas das casas e tamén haberá actividades que van desde catas de viños, descenso en canoa, estancias en spa, sendeirismo ou visitas culturais, entre  outras

Teo (A Coruña), 16 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou Parada de Francos en Teo participantes no programa ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural 2026’, do que se poden beneficiar os viaxeiros desde o 18 de setembro ao 20 de decembro. A representante do Goberno autonómico agradeceu ao seu responsable a súa colaboración con esta proposta turística da Xunta que busca impulsar o turismo rural fóra de temporada.

No Outono Gastronómico participan 71 casas rurais das catro provincias, das cales 19 están ubicadas na provincia da Coruña, e na comarca de Santiago ademais de Parada de Francos en Teo tamén están adheridos a este programa a Casa da Torre Branca en Santiago e Casa Cruceiro de Ames. Estes establecementos ofrecen paquetes gastronómicos especiais e paquetes de estadías.

Actividades sostibles

En relación a esta edición de 2026 do Outono Gastronómico, Belén do Campo destacou que dos 71 establecementos de turismo rural, 28 ofertan a actividade Outono Plus, con propostas que van desde catas de viños, descenso en canoa, estancias en spa, sendeirismo ou visitas culturais, entre  outras.

Neste sentido, salientou ademais a variedade de propostas que poden elixir as persoas que queiran gozar desta experiencia desde o menú  Outono gastronómico cun custe de 40€/persoa, que inclúe produtos de calidade de Galicia moitos deles con denominación de orixe ou con indicación xeográfica protexida; ou as que inclúen estadías na casa rural e oferta gastronómica como paquete Outono gastronómico por, 115€/persoa en cuarto individual e 175€/dúas persoas nun cuarto dobre; a fin de Semana Outono Gastronómico, 175€/persoa nun cuarto individual, e 275€/ dúas persoas en cuarto dobre; e a fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, 325€/dous adultos con 1 neno ou nena nun cuarto dobre con cama supletoria, e 375€/dous adultos con dous nenos ou nenas en dous cuartos dobres.

A delegada destacou o éxito da iniciativa que ao longo das 20 edicións anteriores logrou xerar no sector máis de 7,3 M€ grazas á participación de máis de 110.000 persoas. “Isto foi ,en gran medida, a consecuencia da promoción que fixemos ao longo de todo este tempo desde Turismo de Galicia dun produto que marida a proposta de turismo rural e  gastronomía que se pode desfrutar nunha época do ano fóra de tempada”, subliñou.

Toda esta información e outra relativa ao Outono Gastronómico en Turismo Rural pódese descargar na web www.turismo.gal, onde figuran ademais, todos os establecementos participantes e os menús exclusivos de cada un.

Concretamente nesta edición, Turismo de Galicia desenvolveu unha ampla campaña de visibilidade en medios e soportes físicos e dixitais. Entre o 7 de setembro e o 7 de outubro estanse a realizar accións de publicidade en buses urbanos e metropolitanos nas cidades da Coruña (6 autobuses), Santiago de Compostela (8) e Ourense (5). A estratexia complétase con accións en redes sociais e en medios audiovisuais, con cobertura en toda Galicia, o norte da Península, o norte de Portugal e Cataluña.

A estratexia promocional refórzase coa colaboración de 10 creadores de contidos, convidados durante as dúas primeiras fins de semana da campaña (18-20 e 25-27 de setembro), co compromiso de realizar publicacións nas súas redes sociais.

Ademais, desde o 7 de setembro está operativo un espazo específico na web de Turismo de Galicia, con toda a información da iniciativa e coa guía informativa dispoñible para descarga. Finalmente, como apoio á difusión, Turismo de Galicia editou 8.400 guías informativas e 500 carteis, distribuídos entre os establecementos participantes, aproximadamente 90 oficinas de Turismo de Galicia, a Oficina de Turismo de Madrid (Casa de Galicia) e as catro Áreas Provinciais de Turismo da Xunta de Galicia, garantindo así unha ampla presenza da campaña tanto nos establecementos como nos principais puntos de información turística.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026