A Xunta impulsa o Trofeo Xacobeo de Baloncesto para promover Galicia como destino de turismo deportivo
O Monbus Obradoiro e o Unicaja Andalucía enfrontaranse este domingo 20 de setembro, ás 12:30 horas, no Multiusos Fontes do Sar
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia apoia esta fin de semana a celebración do Trofeo Xacobeo de Baloncesto, unha cita deportiva que reunirá o domingo 20 de setembro, en Santiago de Compostela, ao Monbus Obradoiro e ao Unicaja Andalucía, dous equipos de referencia do baloncesto profesional.
Este encontro disputarase ás 12:30 horas no Multiusos Fontes do Sar. O equipo campión, o subcampión e o xogador MVP, elixido como o máis destacado da xornada, recibirán os tres galardóns Xacobeos que se concederán neste partido. Neste contexto, o patrocinio de Turismo de Galicia ao evento reflicte o modelo turístico polo que aposta a Xunta a través da Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que destaca o turismo deportivo e a celebración destes eventos como ferramentas de promoción dos destinos galegos que permitan dinamizar o territorio e atraer viaxeiros fóra dos períodos de maior afluencia de visitantes.
O Trofeo Xacobeo nace, ademais, coa finalidade de achegar a Galicia unha competición de alto nivel e ofrecer aos afeccionados un espectáculo deportivo con características próximas ás dun evento oficial. A iniciativa pretende tamén contribuír á preparación dos equipos ante a nova tempada e favorecer a difusión e promoción do baloncesto, especialmente entre novos públicos.
As entradas xa están á venda e poden adquirirse a través da seguinte ligazón: https://foroentradas.es/evento/trofeo-xacobeo