Pablo Fernández e o presidente da Federación Española de Triatlón asinan o protocolo de colaboración para o financiamento das finais

Pablo Fernández destaca o CGTD como exemplo do compromiso co deporte, cunha aposta que abrangue desde o deporte escolar ata o alto rendemento

A administración autonómica ve neste evento unha posibilidade de achegar o deporte de elite á cidadanía mentres se mostran os atractivos da comarca a millares de persoas por todo o mundo

Caldas de Reis (Pontevedra), 31 de agosto de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e o presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo, asinaron hoxe no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) o protocolo de colaboración no que se explicita o apoio do Goberno galego á organización das finais do Campionato do Mundo de Triatlón, que se celebrarán en Pontevedra a partir do vindeiro 23 de setembro. No acto estiveron tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e o cinco veces campeón do mundo de triatlón, Javier Gómez Noya.

A Xunta de Galicia achega un total de 400.000 euros para contribuír ao desenvolvemento desta importante cita deportiva internacional, que reunirá na cidade de Pontevedra algúns dos principais especialistas mundiais das diferentes categorías do triatlón. Do importe total, 300.000 euros corresponden ás axudas do programa Xacobeo, mentres que os 100.000 euros restantes proceden da Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes.

Durante o acto de sinatura, Pablo Fernández salientou que o apoio da Xunta a este Campionato do Mundo forma parte dunha aposta máis ampla polo deporte, que abrangue tanto a celebración de grandes eventos deportivos como o apoio ao deporte de base, aos clubs e aos deportistas de alto nivel.

Fernández quixo aproveitar precisamente o lugar no que se celebrou o acto, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, para exemplificar esta política de apoio ao deporte. “Estamos nun dos mellores exemplos do compromiso da Xunta co deporte e, especialmente, coa formación e coa preparación dos nosos deportistas”, destacou.

O CGTD de Pontevedra conta actualmente con 67 prazas destinadas a deportistas de alto rendemento, ocupadas por algúns dos mellores deportistas do mundo nas súas respectivas disciplinas. Segundo explicou o delegado, estas instalacións permiten ofrecer aos deportistas em idade escolar as condicións necesarias para combinar a súa preparación deportiva coa súa formación académica e representan unha aposta a longo prazo polo talento deportivo galego.

Neste sentido, o centro conta con máis de 100 deportistas de elite menores de idade, moitos deles futuras promesas do deporte galego, que ademais poden desenvolver a súa formación académica no propio edificio. Deste grupo, 90 mozos e mozas residen actualmente na residencia do CGTD.

Pablo Fernández subliñou que esta combinación entre formación e deporte constitúe unha das principais fortalezas do modelo de tecnificación da Xunta, ao permitir que os máis novos poidan avanzar nas súas carreiras deportivas sen deixar de lado os seus estudos e a súa preparación persoal.

O delegado tamén destacou o valor simbólico de que no acto estivese presente Javier Gómez Noya, unha das grandes referencias do triatlón mundial e un dos deportistas que se formaron no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. O deportista galego está actualmente vinculado ao proxecto Triatlón Team España, equipo que tamén realiza parte dos seus adestramentos nestas instalacións.

A presenza de Gómez Noya serviu para poñer de manifesto, segundo explicou Fernández, a capacidade do CGTD para acompañar aos deportistas desde as primeiras etapas da súa formación ata a elite internacional. “É especialmente significativo que un deportista como Gómez Noya, que saíu deste centro e chegou a ser unha referencia mundial do triatlón, estea hoxe aquí adestrando e formando parte dun proxecto que tamén emprega estas instalacións”, sinalou.

O delegado territorial puxo igualmente o foco nunha realidade menos coñecida do CGTD: o seu papel como instalación aberta ao conxunto do tecido deportivo da provincia. Cada día pasan polas instalacións preto de 1.000 deportistas non profesionais, grazas, entre outras medidas, á cesión gratuíta de espazos que realiza a Xunta aos clubs deportivos.

A sinatura do protocolo coa Federación Española de Triatlón representa, polo tanto, un novo exemplo desta aposta, ao combinar a promoción dun gran evento deportivo internacional coa colaboración coas entidades deportivas e co apoio permanente aos deportistas galegos.

As finais do Campionato do Mundo de Triatlón, que comezarán en Pontevedra o próximo 23 de setembro, converterán novamente a cidade nun punto de encontro para a elite internacional desta disciplina e permitirán achegar o deporte de máximo nivel á cidadanía, ademais de servir de escaparate ao mundo para mostrar os atractivos turísticos da comarca. Así, o apoio a esta competición contribúe tamén á proxección exterior de Pontevedra e de Galicia, á promoción turística e á xeración de actividade económica vinculada á chegada de deportistas, equipos, organizacións e afeccionados procedentes de diferentes países.

Unha aposta que comeza no deporte escolar

O delegado territorial lembrou tamén que a política deportiva da Xunta abrangue todas as etapas da vida deportiva, desde a iniciación e o deporte escolar ata o alto rendemento. Neste sentido, destacou especialmente o papel de Xogade, o programa da Xunta para fomentar a práctica deportiva entre os escolares galegos.

A provincia de Pontevedra vén rexistrando cifras especialmente positivas de participación neste programa. De feito, o pasado curso máis de 24.000 estudantes competiron nos diferentes cros organizados na provincia, unha cifra que supuxo un récord de participación e que evidencia o interese dos máis novos pola práctica deportiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2026