A 20a edición do Outono Gastronómico arranca mañá con 18 establecementos adheridos na provincia de Pontevedra

O delegado territorial visitou A Casa do Pillado, en Agolada, un dos establecementos participantes nesta 20ª edición

Fernández destacou a importancia desta iniciativa que axuda a desestacionalizar e descentralizar o turismo

Agolada (Pontevedra), 17 de setembro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou visitou hoxe a ‘Casa do Pillado’, en Agolada, para anunciar o inicio, mañá venres, da 20ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural.

A campaña impulsada pola Xunta arranca mañá e desenvólvese ata o 20 de decembro e permitirá desfrutar da gastronomía galega ao tempo que se coñecen e se apoian os establecementos de turismo rural.

Na provincia de Pontevedra participan 18 establecementos, que ofrecerán diferentes propostas especialmente deseñadas para esta campaña.  O programa conta con propostas específicas para visitas de un ou máis días, así como coa modalidade Outono Plus, que incorpora actividades complementarias como experiencias termais, sendeirismo, descenso en canoa ou visitas culturais, segundo o establecemento.

Durante a visita, Pablo Fernández destacou que esta iniciativa permite desestacionalizar a actividade turística e dinamizar o rural, ofrecendo unha oportunidade para coñecer Galicia tamén durante os meses menos concurridos.

“O Outono Gastronómico é unha magnífica oportunidade para desfrutar da nosa gastronomía, descubrir o noso rural e apoiar os establecementos que traballan durante todo o ano para ofrecer experiencias de calidade”, sinalou o delegado.

Fernández animou a aproveitar esta nova edición para coñecer algunha das 18 casas rurais participantes na provincia de Pontevedra e desfrutar dunha escapada que combina gastronomía, natureza e patrimonio.

A información sobre os establecementos participantes, os menús e as diferentes modalidades pode consultarse na web de Turismo de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2026