A Xunta autoriza a solicitude para instalar gaiolas trampa para o control das poboacións de xabaril na contorna do concello de Lugo

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático responde á petición municipal para mitigar os efectos na seguridade das persoas da presencia de exemplares desta especie na contorna urbana e periurbana

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia vén de autorizar a solicitude do concello de Lugo para instalar gaiolas-trampa para o control das poboacións de xabaril na contorna da cidade.

En concreto, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dá resposta á solicitude municipal de aplicar medidas de control coas que mitigar os efectos que ten para a seguridade das persoas a presencia de exemplares desta especie na contorna urbana e periurbana do concello.

Deste xeito, a localización da gaiola acordarase entre persoal municipal e a Unidade de investigación para a conservación da natureza (UICON) da Xunta buscando unha maior efectividade. Así mesmo, axentes da UICON encargaranse da instalación, vixilancia e seguimento da trampa, así como de advertir á administración local no momento en que os xabarís entren no dispositivo.

Pola súa banda, o Concello de Lugo farase cargo do cebado da gaiola-trampa, de acordo coas indicacións da UICON, e do transporte dos exemplares de xabaril capturados ata o destino da súa xestión, que será determinado por persoal facultativo veterinario, de acordo coa normativa vixente.

Esta autorización, que terá unha vixente dun ano, enmárcase no procedemento impulsado polo Goberno galego no ano 2023 para facilitar as capturas destes animais en lugares concretos de cidades e áreas metropolitanas.

Data de actualización: 18/09/2026