Belén do Campo participa na solta dun gavilán na Reserva da Biosfera atendido no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros
A delegada da Xunta lembrou que, como cada ano, o primeiro fin de semana de outubro celebrouse o Día das Aves, unha xornada destinada a divulgar a importancia destes animais e a concienciar sobre a necesidade de protexelos e conservar os seus hábitat
Neste senso, a delegada puxo en valor o traballo que realizan os catro Centros de Recuperación de Fauna Silvestre da Xunta, un por provincia, na atención, coidado e rehabilitación dos animais salvaxes que precisan asistencia, co obxectivo de que poidan recuperar as condicións necesarias para regresar ao medio natural
Abegondo (A Coruña), 5 de outubro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e a directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, participaron, este luns, na solta, na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas en Abegondo, dun gavilán recuperado no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) de Santa Cruz de Oleiros, onde recibiu os coidados e a rehabilitación necesarios ata comprobar que se atopaba en condicións axeitadas para volver á natureza.
O gavilán común é unha pequena ave rapaz forestal, áxil e veloz, especialmente adaptada para voar entre árbores e arbustos na procura das súas presas. Aliméntase principalmente de pequenas aves, que captura mediante voos rápidos e sorprendentes manobras. caracterízase polas súas ás curtas e redondeadas e a súa longa cola, que lle permiten unha gran capacidade de manobra. É unha especie habitual en Galicia, onde ocupa principalmente zonas boscosas e áreas con presenza de vexetación arbórea.
A representante do Goberno autonómico destacou a importancia desta especie unha ave rapaz forestal de tamaño medio, áxil e poderosa, perfectamente adaptada á vida entre as masas arbóreas. Caracterízase polas súas ás anchas e redondeadas e pola súa longa cola, que lle permiten realizar voos rápidos e manobrar con facilidade entre as árboles. É unha especie asociada a bosques maduros e con boa cobertura vexetal e desempeña un importante papel no equilibrio dos ecosistemas ao contribuír á regulación das poboacións das especies das que se alimenta.
No acto tamén puxo en valor o traballo do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) de Oleiros que rexistrou no que vai de ano un total de 1.528 ingresos de animais vivos, dos que o 52%, un total de 800 xa se recuperaron. Na actualidade permanecen no centro en proceso de recuperación unhas 100 gaivotas e outras 20 aves de diferentes especies, que continúan recibindo os coidados necesarios por parte do persoal especializado. O CRFS de Oleiros desempeña un papel fundamental na atención, recuperación e reintrodución no medio natural da fauna silvestre, mediante a asistencia veterinaria e os coidados especializados dos animais que son trasladados ás súas instalacións.
Neste senso, a delegada puxo en valor o traballo que realizan os catro Centros de Recuperación de Fauna Silvestre da Xunta, un por provincia, na atención, coidado e rehabilitación dos animais salvaxes que precisan asistencia, co obxectivo de que poidan recuperar as condicións necesarias para regresar ao medio natural. Belén do Campo destacou tamén o labor dos profesionais destes centros, que “día a día suman esforzos para rescatar animais que aparecen feridos, enfermos ou desorientados, atendelos e acompañalos nos seus procesos de recuperación, que en moitos casos poden prolongarse durante meses ou mesmo máis dun ano”.
Día das aves
Belén do Campo tamén lembrou que como cada ano, o primeiro fin de semana de outubro celebrouse o Día das Aves, unha xornada destinada a divulgar a importancia destes animais e a concienciar sobre a necesidade de protexelos e conservar os seus hábitats. As aves desempeñan un papel fundamental no equilibrio dos ecosistemas e a súa presenza, ausencia, movementos e dinámicas proporcionan información de gran valor sobre o estado de saúde do medio natural.
Durante a súa participación na solta, Belén do Campo salientou que o regreso deste exemplar ao seu hábitat natural é “un exemplo máis do compromiso coa protección da biodiversidade galega e do excelente labor que desenvolven os centros especializados da Xunta para ofrecer unha segunda oportunidade aos animais que aparecen feridos ou debilitados”.
A colaboración cidadá, fundamental
A delegada aproveitou a solta para destacar tamén a importancia da colaboración da cidadanía na conservación e protección da biodiversidade de Galicia, unha responsabilidade que, segundo sinalou, “nos afecta a todos”.
Neste sentido, lembrou que, ante a localización dun animal silvestre ferido ou debilitado, non se debe manipular directamente o exemplar salvo que sexa imprescindible. O recomendable é avisar ao teléfono de emerxencias 112 ou aos axentes ambientais da Xunta, para que os profesionais poidan coordinar a recollida e o traslado do animal ao centro de recuperación correspondente.
Unha vez nas instalacións, o persoal especializado encárgase de avaliar o estado do exemplar, proporcionarlle a asistencia veterinaria necesaria e desenvolver os procesos de rehabilitación física adaptados ás características e necesidades de cada especie. Neste senso, destacou o gran traballo que realizan os axentes ambientais nestas tarefas.