Rueda lanza o terceiro episodio do seu podcast Galicia Calidade cunha entrevista ao xornalista Álex Fidalgo
Dá así continuidade ao proxecto tras conversar nos dous primeiros programas co pediatra Federico Martinón e coa triatleta e campioa paralímpica Susana Rodríguez Gacio
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lanza hoxe o terceiro episodio do podcast Galicia Calidade, no que terá como invitado ao xornalista Álex Fidalgo, creador de Lo que tú digas, un espazo de entrevistas con personalidades influentes que se ten consolidado como un dos podcast máis populares en español.
Na entrevista, abordan cuestións como o proceso que Fidalgo segue para elaborar o seu programa ou os seus inicios. Tamén conversan sobre saúde mental ou a visión de Galicia e dos galegos que hai fóra da comunidade.
Rueda dá así continuidade a este proxecto tras conversar nos dous primeiros programas co pediatra Federico Martinón e coa triatleta e campioa paralímpica Susana Rodríguez Gacio.
Podcast Galicia Calidade
A iniciativa consiste nunha entrevista mensual a referentes da sociedade galega en distintos ámbitos como a ciencia, a medicina, o deporte, a cultura, a comunicación ou a empresa. Busca chamar a atención sobre todo o talento e potencial da comunidade -a Galicia Calidade- e poñer en valor os logros dun territorio competitivo, innovador e inclusivo.
O podcast pode seguirse na canle de youtube da Xunta de Galicia, así como tamén se difundirá a través das redes sociais do titular do Executivo autonómico.
Os contidos artéllanse en torno a unha conversa informal entre o presidente e o invitado ou invitada, nas que se fala da súa traxectoria ou dos retos que ten por diante Galicia. A entrevista sempre remata cunhas cuestións persoais e fixas para todos os entrevistados/as.