O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP presentou esta norma pioneira no Parlamento de Galicia
Román Rodríguez sinala a lei de educación dixital como necesaria para establecer regras ante os novos desafíos e aproveitar tamén as súas oportunidades
Explica que se trata dunha ocasión para favorecer a mellora da calidade e a igualdade de oportunidades, así como para afrontar os retos que supón a intelixencia artificial e as novas tecnoloxías no ensino, onde non estaban regulados os seus usos
Destaca o alto grao de participación no proceso de elaboración da norma, con preto de 900 achegas recibidas ao longo das diferentes fases
Por primeira vez introdúcese un uso das tecnoloxías nas aulas adecuado á etapa e á madurez do alumnado, posibilitando o uso individual só a partir de 5º de Primaria e restrinxindo aínda máis o uso, unicamente pedagóxico, dos móbiles
Reforzarase a seguridade das comunicacións e aplicacións na contorna educativa e dotarase dunha identidade dixital a cada estudante desde 5º de Primaria
Regúlanse aspectos novidosos como os exames en liña, a desconexión dixital do alumnado ou o Contrato de Vida Dixital, un instrumento que invita á corresponsabilidade das familias
Créase un marco de límites ao uso da IA ao tempo que se aproveitan as súas potencialidades para mellorar a gobernanza do sistema a través de EdugalIA
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe no Parlamento de Galicia a nova lei de educación dixital, unha norma pioneira en toda España, que sinalou como unha ocasión para “favorecer a mellora da calidade educativa e a igualdade de oportunidades”. “O debate non está en se a tecnoloxía se debe incorporara ás aulas, senón en como debemos facelo”, dixo, explicando que o novo texto é necesario e oportuno. Necesario para establecer dereitos, garantías e regras claras diante do desafío que introducen as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial, aspectos que ata agora carecían dun marco xurídico-normativo propio. E oportuno para “converter a transformación dixital nunha oportunidade”, manifestou.
O titular de Educación do Goberno galego indicou como exemplo deste debate os últimos resultados do informe PISA, que puxeron no foco a influencia negativa que pode ter o mal uso ou abuso dos medios dixitais, pero que tamén demostraron que, cando se empregan correctamente, poden ser unha ferramenta moi útil de aprendizaxe. Neste sentido, sinalou a Estonia, “un dos sistemas educativos europeos máis avanzados na presenza das tecnoloxías, que tamén está á cabeza en rendemento académico”.
“En Galicia estámonos adiantando cunha norma que é pioneira e que nos permite actuar xa en cuestións que prevíamos e que agora son unha realidade”, dixo o conselleiro, que salientou o alto grao de participación no proceso de elaboración desta norma, ao longo do que se recibiron preto de 900 achegas e se abordou o texto co Consello Escolar de Galicia e con representantes de todos os sectores da comunidade educativa.
“Esta lei non nace da improvisación, parte dun modelo claro e dun importante traballo previo, que hoxe nos permite continuar liderando e creando escola”, afirmou Román Rodríguez, lembrando que, segundo a enquisa realizada polo Instituto Galego de Estatística, máis do 92% das familias ve necesaria esta lei.
Uso adecuado a cada etapa
O conselleiro puxo en valor o carácter transversal da nova lei, que aborda a completa configuración da comunidade educativa (alumnado, profesorado, familias e centros). Deste xeito, o texto artéllase en torno a seis eixos: o uso da tecnoloxía adaptado ao alumnado e orientado á mellora educativa, a seguridade e a protección nos contornos dixitais, a regulación clara dos dereitos e deberes da comunidade educativa para asegurar o benestar e a convivencia dixital, o reforzo do papel do profesorado e a organización dos centros, a participación das familias e a regulación da intelixencia artificial.
Entre os principais fitos da norma sinalou a introdución, por primeira vez, do principio de adecuación do uso da tecnoloxía en función de cada etapa e da madurez do alumnado en base ás evidencias científicas. Desta forma, establécese que na Educación Infantil e nos dous primeiros ciclos de Primaria o uso dos dispositivos serán exclusivamente colectivos. O uso individual comezará a partir de 5º de Primaria e irá aumentando de maneira progresiva conforme avance o desenvolvemento psico-social do alumnado.
No que atinxe á Educación Secundaria Obrigatoria e o resto das etapas, o uso da tecnoloxía deberá asegurar a adquisición das competencias dixitais necesarias e orientarase a fomentar o pensamento crítico fronte a cuestións como a desinformación. A adecuación por etapas realizarase sempre baixo a supervisión do profesorado e contando coa participación das familias no marco do Plan Dixital de cada centro.
De forma paralela, asegurarase a igualdade de oportunidades e a inclusión, aspecto que queda incorporado como un principio transversal ao texto, poñendo o foco especialmente na dotación dos recursos e ferramentas necesarias para aquel alumnado que máis o necesita.
Intelixencia artificial
O uso axeitado da intelixencia artificial é un dos retos máis desafiantes que afronta a sociedade en todos os seus ámbitos, e especialmente determinante no educativo. Así as cousas, a norma é pioneira ao crear un marco claro para regular o uso no ensino, evitando así unha mala utilización e indicando que se pode facer, con que garantías e cales son os límites que non se poden superar.
O punto de partida é o de que a IA non pode substituír nunca o papel dun docente, nin na adaptación de materiais –tarefa na que si se poderá empregar con carácter auxiliar– nin en ningunha decisión que afecte aos estudantes.
En calquera caso, a través de EdugalIA, aproveitaranse as súas potencialidades para mellorar a gobernanza educativa, permitindo xerar novas ferramentas como o expediente académico electrónico único, que permitirá loitar contra o abandono educativo dun xeito máis eficiente. “Este proxecto, un dos máis ambiciosos de aplicación da IA á xestión educativa en España, permitiranos transformar os datos do sistema en información útil para a mellora da toma de decisións”, destacou o conselleiro.
Neste sentido, Román Rodríguez insistiu na necesidade de aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías, poñéndoas ao servizo da mellora educativa, sen renunciar á calidade. “Queremos unha escola capaz de preparar persoas para o mundo no que van vivir e esta lei é unha oportunidade para facelo”, dixo.
Comunicacións seguras
Outra das principais novidades que se producirán no sistema educativo coa aplicación da lei será a dotación dunha identidade dixital corporativa, en liña co modelo de adecuación gradual á idade, para intensificar a seguridade das comunicacións que se realicen na contorna educativa.
Así mesmo, reforzaranse as garantías das canles de comunicación entre centros e familias mediante o uso de aplicacións seguras, como Abalar. A maiores, as ferramentas dixitais que se empreguen nas aulas deberán ser autorizadas pola Consellería para que se garanta a súa seguridade.
Desconexión dixital e privacidade
No que atinxe á regulación de dereitos e deberes, introdúcense realidades como os exames a distancia, establecendo as garantías necesarias para verificar a identidade do alumnado incluíndo, nos supostos previstos, o uso de sistemas biométricos para asegurar a validez da proba.
Tamén se recoñece por lei, por primeira vez, o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra do horario lectivo e fíxanse os límites na gravación das clases e titorías que, como norma xeral, non poderán ser gravadas nin reproducidas sen autorización expresa. A este respecto, o conselleiro fixo fincapé na importancia da protección da privacidade do alumnado, sinalando que non se poderán tampouco difundir exames os actividades dos estudantes sen a correspondente autorización.
A maiores, a lei reforza a prohibición dos teléfonos móbiles, permitindo o seu uso pedagóxico só a partir de 3º de Educación Secundaria Obrigatoria, e dota os centros dun protocolo específico para a retirada temporal e custodia dos dispositivos.
Apoio a docentes e familias
Tendo en conta que os docentes son o piar fundamental para a aplicación desta lei, o texto reforza as garantías para eles. A través da Oficina de Apoio ao Profesorado daráselles asesoramento e apoio xurídico diante de calquera situación de acoso ou violencia no ámbito dixital. Ademais, a formación no ámbito dixital poderá valorarase como mérito tanto nos procesos de ingreso na función pública docente como na provisión de determinados postos de traballo.
Tamén se ofrece apoio ás familias, que son corresponsables no bo uso das tecnoloxías. A maiores do Contrato de Vida Dixital, xa en marcha, a nova lei permitirá o desenvolvemento de programas específicos de formación para nais e pais sobre o uso responsable de Internet, as redes sociais ou a prevención do ciberacoso, entre outras medidas.