A Xunta colabora con preto de 55.000 euros do fondo adicional na mellora da eficiencia enerxética do pavillón polideportivo de Cerdido

A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións acompañada do alcalde, Alberto Rey

As actuacións acometidas con cargo a esta liña de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes permitiu a instalación dun sistema de aerotermia e a substitución de luminarias e das portas de acceso

Cerdido (A Coruña), 22 de setembro de 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cerdido, Alberto Rey, visitou esta mañá as instalacións do pavillón polideportivo municipal onde se veñen de acometer obras de mellora da eficiencia enerxética grazas a unha axuda de preto de 55.000 euros, do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Segundo comprobou a responsable autonómica, a actuación consistiu na substitución dos xeradores de auga quente por unha bomba de calor capaz de dar servizo á demanda actual do edificio, o cambio de luminarias por outras tipo LED de maior eficiencia e a substitución das portas de acceso de chapa simple por outras antiincendio con barra antipánico e porta seccional de garaxe de panel sándwich illante. Ademais resolvéronse os problemas de filtracións creando unha gabia de drenaxe nos muros exteriores. “Deste xeito o Concello puido corrixir unha serie de deficiencias que empeoraban a inercia térmica e a eficiencia enerxética do inmoble”, explicou Aneiros.

As axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, dotadas na última convocatoria con 5 millóns de euros, están destinadas a financiar obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal destinados á prestación de servizos ou ao exercicio das súas competencias, con prioridade para as instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais e se dirixe a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes, por concorrencia competitiva.

No caso do ámbito territorial da Delegación de Ferrol, esta convocatoria permitiu a mellora da eficiencia enerxética de instalacións municipais en cinco concellos de Ferrolterra, cun importe total de máis de 270.000 euros. Ademais do concello de Cerdido, tamén resultaron beneficiados os municipios de Cabanas, Mañón, Monfero e San Sadurniño.

A delegada lembrou que o Fondo de Cooperación Local é un instrumento central de colaboración económica da Xunta coas entidades locais e ten como obxectivo garantir a suficiencia financeira dos concellos da comunidade, regulando un modelo estable de participación dos municipios nos orzamentos autonómicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2026