A Xunta reafirma o compromiso de axudar ás persoas galegas do exterior a reencontrarse coas súas orixes
Caracas (Venezuela), 23 de setembro de 2026
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reafirmou o compromiso da Xunta por axudar aos galegos do exterior a reencontrarse coas súas orixes. Así o fixo na Hermandad Gallega de Venezuela durante a entrega das compostelas a participantes do programa Conecta con Galicia no Camiño e dos diplomas aos do programa Reencontros con Galicia 2025. Alí tamén puxo en valor o esforzo que fai o Goberno galego por facilitar a “volta a casa” temporal a través destes programas, e salientou que son tamén unha oportunidade moi boa para afianzar os lazos culturais con Galicia nos países onde hai colectividades galegas.
En concreto, un total de 26 persoas recibiron as compostelas por participar no Conecta con Galicia no Camiño. Trátase dun programa destinado a xente nova de orixe galega residente no exterior que busca que poidan reencontrarse coas súas raíces percorrendo a pé máis de 110 km do Camiño de Santiago. Pola súa banda, 15 participantes do programa Reencontros con Galicia, que facilita o regreso temporal de emigrantes galegos maiores de 65 anos para reencontrarse cos seus familiares e coñecer a Galicia actual, recibiron o seu correspondente diploma.