Román Rodríguez anima ao alumnado do primeiro itinerario integrado de FP a que lle saque o máximo rendemento a esta nova formación pioneira en Galicia
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita os estudantes que se estrean nesta modalidade novidosa de Grao Básico Cociña e Restauración que se oferta no Centro Integrado de FP CIFP Compostela
Lembra que ata o día 25 deste mes está aberto o prazo de matrícula para ciclos de FP con prazas dispoñibles, e que se agarda pechar cun alto número de matriculados
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anima ao alumnado que se estrea este curso no primeiro itinerario integrado de FP no ciclo Básico de Cociña e Restauración a que lle saque o máximo rendemento a esta formación pioneira.
O titular de Educación do Goberno galego visitou hoxe os 16 alumnos matriculados neste ciclo de nova implantación en Galicia que se oferta por primeira vez no Centro Integrado de FP CIFP Compostela, que é un referente estatal de calidade nas ensinanzas da Familia de Hostalaría e turismo.
Segundo lembrou o conselleiro, a vantaxe desta modalidade integrada é que todos estes estudantes, dentro de dous anos, cando rematen o ciclo Básico que agora están cursando, “teñen asegurada a continuidade de xeito directo no grao medio en Cociña e gastronomía ou en Servizos en restauración”. Isto é, dispoñen dunha pasarela directa dun ciclo Básico a un ciclo Medio cunha praza asegurada sen necesidade de realizar unha nova solicitude e entrar no proceso de selección, se fora o caso.
Este novo itinerario integrado responde a un dos obxectivos do Plan FPGal360, de loita contra o abandono escolar, asegurando que o alumnado permaneza no sistema educativo co fin de obter a mellor cualificación profesional. Para iso, desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ofrécense todas as posibilidades que sexan necesarias, como é o caso desta modalidade.
Boas sensacións na matrícula de FP
Por outra parte, o conselleiro lembrou que ata o día 25 deste mes permanece aberto o prazo de matrícula nos ciclos de FP con prazas libres, polo que todo aquel que o desexe, aínda ten a posibilidade de optar a estes estudos. Aínda que os datos non están pechados, Román Rodríguez avanzou boas sensacións e que se agarda volver a obter un alto número de matriculados no conxunto de Galicia.