O presidente galego participa na reunión da Comisión Executiva da Federación Española do Viño, en Cambados
Rueda destaca o peso de Galicia no sector vitivinícola español e o apoio da Xunta para facer fronte aos retos dun eido clave para o rural
Salienta que a comunidade conta con 10.000 produtores e máis de 440 adegas que representan o 1,4% do PIB galego
Resalta o papel deste sector á hora de xerar emprego e fixar poboación no rural
Asegura que os viños galegos son un dos mellores embaixadores do que significa Galicia Calidade
A Xunta destina cada ano 12 M€ en axudas para a modernización de viñedos, a elaboración ou a comercialización de produtos vitivinícolas
Cambados (Pontevedra), 23 de setembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o peso que ten Galicia no sector vitivinícola español, cuns 10.000 produtores e máis de 440 adegas que representan xa o 1,4% do PIB galego e comercializan os seus produtos por todo o mundo.
Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou na reunión da Comisión Executiva da Federación Española do Viño que se celebrou na Bodega Martín Códax en Cambados, e resaltou a importancia deste sector para dinamizar o rural galego ao xerar emprego e riqueza, axudar a fixar poboación e mellorar a xestión do territorio e da paisaxe.
O presidente puxo en valor que os viticultores galegos aposten por compaxinar a tradición e experiencia de anos de traballo coa innovación e a diversificación dos produtos sempre co obxectivo de ofrecer a mellor calidade aos consumidores. Rueda salientou que Galicia é un referente en produtos agroalimentarios de calidade, onde os viños teñen un papel primordial. Nesta liña, fixo fincapé en que estes produtos galegos son un dos mellores embaixadores da comunidade e do que significa Galicia Calidade.
Por iso, o presidente lembrou que a Xunta sempre estará ao carón deste sector ao que destina cada ano 12 millóns de euros en diferentes liñas de axudas para a reestruturación e reconversión dos viñedos; melloras na produción e elaboración dos produtos; a comercialización dos viños en terceiros países ou para a conservación da paisaxe e a loita contra a erosión en zonas sensibles como a Ribeira Sacra.
Ademais, o titular do Goberno autonómico lembrou que a Xunta ten a man tendida aos viticultores á hora de afrontar retos do futuro máis inmediato como o descenso do consumo de viño -xeneralizado en todo o mundo- ou os efectos do cambio climático como o adianto progresivo da vendima.