O delegado da Xunta en Pontevedra da o pistoletazo de saída á tempada de cros escolares

O programa Xogade arrancou esta mañá coa celebración do primeiro cros do curso escolar que tivo lugar no concello de Portas

Para a actual tempada están previstas arredor de 26 xornadas de cros para centros educativos en horario lectivo e outras 7 xornadas para clubs durante as fins de semana, distribuídas por toda a provincia

Portas (Pontevedra), 24 de setembro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, a xornada de cros escolar do programa Xogade que se desenvolve na Azucareira de Portas e que se prolongará ata mañá. Centos de nenos e nenas de centros educativos da comarca participan nestas probas, que dan comezo ao calendario de actividades de Xogade para a tempada 2026/2027 e que teñen como obxectivo fomentar a práctica deportiva entre os máis novos, especialmente no ámbito escolar.

Nesta primeira xornada participan escolares dos seguintes centros escolares: CPR San José; CEIP Parada Campañó; CEP Marcos da Portela; CEIP Álvarez Limeses; CEIP Santo André de Xeve; CEIP Plurilingue Froebel; CEIP Daria González; e
CEIP Xunqueira 1. Mentres que na xornada de mañá partricipará o alumnado dos CEIP Isidora Riestra;  CEIP Cabanas;  CEIP Espedregada Poio; CEP Campolongo; CEIP Chancelas Poio; IES Frei Martin Sarmiento; IES Xunqueira 2; e CPR Sagrado Corazón.

A programación do cros escolar continuará durante os meses de outubro e novembro con xornadas zonais para centros educativos e clubs, antes de pechar a competición co Campionato Provincial previsto para decembro.

Na provincia de Pontevedra, o programa Xogade contou na tempada 2025/2026 con arredor de 60.000 rapazas e rapaces inscritos a través de centros educativos e clubs, que sumaron preto de 102.000 participacións nas distintas modalidades deportivas. No caso concreto do cros escolar, a participación non deixou de medrar nos últimos anos, pasando dos 21.000 escolares da tempada 2023/2024 aos 24.000 da 2024/2025 e acadando os 25.000 na pasada campaña, a cifra máis alta dos últimos anos en horario lectivo.

Para a actual tempada están previstas arredor de 26 xornadas de cros para centros educativos en horario lectivo e outras 7 xornadas para clubs durante as fins de semana, distribuídas por toda a provincia. Estas actividades son coordinadas polo Servizo Provincial de Deportes xunto coas Agrupacións Deportivas Escolares, que organizan as diferentes probas nos concellos das súas respectivas áreas de influencia. O delegado puxo en valor a importancia de programas como Xogade para achegar o deporte á infancia e á mocidade e favorecer hábitos de vida activa desde as idades máis temperás.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2026