A Xunta impulsa a orientación laboral da man das empresas con sesións grupais que inclúen entrevistas con persoas demandantes de emprego
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asistiu na oficina de Emprego de Pontevedra á primeira sesión da iniciativa Xunta Conecta
Esta actividade consiste en xornadas grupais con empresas —neste caso Leroy Merlin— nas que se combina información sobre as oportunidades de emprego cun proceso de entrevistas rápidas realizadas pola empresa a demandantes de emprego
Esta acción enmárcase na potenciación do SPEG e ten como fin casar oferta e demanda laboral reforzando a atención ás persoas desempregadas a prol da súa inserción laboral e ás empresas para dar cobertura ás súas vacantes
A isto súmanse as medidas autonómicas enfocadas á modernización do servizo como o pulo á ferramenta EMi, os simuladores de entrevistas de traballo baseados na IA dispoñibles en fase piloto ou as melloras da Oficina Virtual de Emprego, entre outras
Pontevedra, 25 de setembro de 2026
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asistiu hoxe á primeira sesión da iniciativa Xunta Conecta, celebrada na oficina de emprego de Pontevedra e que consiste en xornadas grupais con empresas —neste caso con Leroy Merlin— nas que se combina información sobre as oportunidades de emprego cun proceso de entrevistas rápidas a persoas demandantes de emprego. Deste xeito, o Goberno galego consolida o servizo de orientación laboral da man das empresas potenciando a empregabilidade da cidadanía e atendendo as demandas de man de obra do tecido produtivo.
A directora xeral explicou que esta iniciativa se enmarca na potenciación do Servizo Público de Emprego de Galicia e ten como fin casar oferta e demanda laboral reforzando a atención ás persoas desempregadas a prol da súa inserción laboral e ás empresas para dar cobertura ás súas vacantes.
En concreto, esta sesión céntrase nos perfís de persoas vendedoras, asesoramento á clientela e venda de produtos e servizos, loxística, recepción de mercadoría, xestión de stock, tarefas de almacén, asistente de relación coa clientela, atención á clientela, xestión de pagamentos e apoio en ferramentas dixitais.
Para cubrir estes perfís, é a propia empresa a que se despraza á oficina de emprego para entrevistar directamente as persoas demandantes, nunhas entrevistas duns 10 minutos nas que estas entregan o seu currículo e reciben información sobre os postos de traballo e os perfís profesionais que necesita a empresa. Deste xeito, a oficina de emprego convértese nun punto de encontro directo entre empresas e persoas candidatas, reforzando o seu papel como peza central do ecosistema laboral da comarca. A sesión inclúe tamén obradoiros nos que se difunden claves para a busca de emprego e para superar con éxito unha entrevista de traballo.
Xunta Conecta continuará con máis sesións organizadas a medida atendendo á demanda do tecido produtivo, da que tamén depende o número de participantes en cada sesión. Con esta actividade, o Goberno galego busca impulsar un sistema de orientación laboral territorializado e orientado a achegar os servizos tanto á cidadanía como ás empresas.
Outras accións a prol da potenciación do SPEG
Outras accións a prol da potenciación do SPEG son as relacionadas coa súa modernización, —ámbito que conta este ano cun orzamento de 8 M€–. Entre elas a aplicación móbil de EMi, que se prevé que estea operativa nos próximos meses. Esta ferramenta que se apoia na intelixencia artificial está dispoñible nas 54 oficinas de emprego e xa permitiu realizar máis de 118.000 perfilados competenciais. Tamén os novos simuladores de entrevistas de traballo baseados na IA dispoñibles en fase piloto en 17 das 54 oficinas do SPEG e que reforzan o traballo do persoal orientador.
A isto engádense as melloras introducidas na Oficina Virtual de Emprego, que permiten realizar novos trámites e comunicarse directamente coa oficina, así como aos caixeiros de autoservizo implantados nas 54 oficinas do SPEG para facilitar as xestións máis habituais, reducir a carga administrativa e reforzar o labor do persoal técnico. Estes dispositivos chegarán tamén progresivamente aos concellos rurais co obxectivo de achegar os servizos de emprego á cidadanía destas contornas.