A Xunta financia nas Somozas unha instalación de subministración de combustible para vehículos agrícolas a través do programa Leader
A delegada de Ferrol, Martina Aneiros visitou esta mañá acompañada polo alcalde Juan Tembrás as instalacións promovidas por unha empresa de servizos agrícolas e forestais da zona
Destacou o impacto positivo do proxecto á hora de dinamizar a economía nun entorno rural e estimular novas iniciativas na zona
As Somozas (A Coruña), 25 de setembro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde das Somozas, Juan Tembrás, visitou esta mañá a instalación de subministración de combustible para vehículos agrícolas promovida pola empresa Iván Tembrás SLU, un dos proxectos beneficiados pola última convocatoria das axudas da Intervención Leader no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, que contou cunha achega de 125.554 euros a través dos fondos designados pola Consellería do Medio Rural ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Seitura 22.
O proxecto consistiu na execución dunha instalación de subministración de combustible para vehículos propios no exterior da nave da empresa de servizos agrícolas e forestais. Para iso construíuse un depósito con dobre corpo de aceiro e fibra con detector de fugas incorporado e surtidor de dúas mangueiras. Este equipamento foi instalado no espazo entre a nave e o peche da finca para o que se fixo necesario executar unha explanada que permita a manobra dos vehículos entorno ao surtidor.
A delegada da Xunta puxo en valor a iniciativa en tanto “vai repercutir positivamente no concello das Somozas e a comarca, estimulando novos proxectos na zona e dinamizando así a economía deste entorno rural, concretamente a parroquia de Recemel, nas Somozas”.
Aneiros puxo en valor ademais o traballo desenvolvido polos grupos de desenvolvemento rural, nomeadamente o de Seitura 22 ao que están adscritos os municipios do ámbito da Delegación Territorial de Ferrol, que actúan como entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) na xestión da medida Leader que conta cun orzamento de 28,7 M€ para as anualidades 2026, 2027 e 2028.
Explicou que se trata de axudas ás que poden optar as entidades públicas de carácter local ou comarcal e as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo nesta categoría ás comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades e que permiten financiar proxectos que poden ser de carácter produtivo ou non produtivo, en función da natureza xurídica da persoa que os promova e en función de se a súa finalidade é lucrativa ou non lucrativa.