O delegado da Xunta supervisou o resultado das obras para a renovación da cuberta do pavillón do IES de Allariz, ao abeiro deste plan da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Manuel Pardo pon en valor os máis de 840.000€ que a Xunta destina en actuacións de mellora do plan Ben_Estar en 40 centros educativos ourensás
O delegado da Xunta explicou que os traballos consistiron na reparación da cuberta mediante a colocación de chapa simple sobre parte da cuberta existente, e na execución de todos os remates necesarios para garantir a correcta estanquidade da infraestrutura e a adecuada evacuación das augas pluviais
Manuel Pardo destacou que este plan supón unha transformación progresiva dos centros educativos galegos para convertelos en espazos máis confortables, sostibles e preparados para afrontar os retos do futuro
Ourense, 25 de setembro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Allariz para, acompañado da súa alcaldesa, Cristina Cid, supervisar o resultado das obras para a renovación da cuberta do pavillón do Instituto de Allariz, ás que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destinou máis de 30.000 euros.
Durante a súa visita, Manuel Pardo destacou que esta intervención esta enmarcada dentro do Plan Ben_Estar da Xunta, que actuou este ano en 40 centros educativos na provincia de Ourense cun investimento de máis de 840.000 euros, co obxectivo de seguir renovando as infraestruturas educativas e ofrecer espazos máis seguros, funcionais, inclusivos e sostibles para toda a comunidade educativa.
No caso concreto do Instituto de Allariz, o delegado da Xunta detallou que os traballos consistiron na reparación da cuberta mediante a colocación de chapa simple sobre parte da cuberta existente. Nesta liña, sinalou que Inicialmente a superficie de actuación abarcaba desde a cumieira da cuberta ata 1 metro por debaixo da xunta do panel sándwich existente, cunha superficie aproximada de 25 metros cadrados.
Así mesmo, indicou que tamén se incluíu a execución de todos os remates necesarios para garantir a correcta estanquidade da cuberta e a adecuada evacuación das augas pluviais. Deste xeito, durante o transcurso das obras, ampliouse a superficie de actuación mediante a incorporación de dúas franxas laterais, estendéndose estas ata o final da cuberta.
Para rematar, o representante do Goberno galego destacou que este plan supón unha transformación progresiva dos centros educativos galegos para convertelos en espazos máis confortables, sostibles e preparados para afrontar os retos do futuro, e puxo en valor o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado, así como nun ensino público de maior calidade”.