A Xunta salienta o papel dos fondos europeos nunha Galicia integrada en Europa e con novos retos e oportunidades

Corenta anos despois da entrada na CE, a Comunidade galega está máis conectada, aberta ao exterior, cunha economía máis diversificada e cunha sociedade máis formada

No momento no que se define o novo Marco Financeiro, Galicia ten que incorporarse ás novas prioridades europeas, así como preservar a cohesión económica, social e territorial

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou nunha mesa redonda no marco da xornada Ribadeo, 40 anos sendo Europa

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026

A Xunta salienta o papel dos fondos europeos nunha Galicia integrada en Europa, que afronta novos retos e oportunidades, tras 40 anos de transformación coa axuda dos fondos europeos. Hoxe, a Comunidade galega está máis conectada, máis aberta ao exterior, cunha economía máis diversificada e cunha sociedade máis formada.

Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante a súa participación nunha mesa redonda no marco da xornada Ribadeo, 40 anos sendo Europa. Alí destacou que a sociedade galega aproveitou a oportunidade que supuxo a integración na Unión Europea, o que se reflicte en cifras como o avance do PIB por habitante en case 20 puntos, pasando do 65-70 % da media UE ao 85 %, a mocidade con estudos superiores pasou de 8-10 % a situarse preto do 50 %, a taxa de actividade feminina pasou do 40 % a máis do 50 % ou o incremento da esperanza de vida dos 76 aos 84 anos.

Para Miguel Corgos, os fondos, nas súas diferentes etapas ao longo dos anos, trouxeron “planificación a medio prazo, obxectivos compartidos, cooperación entre administracións, indicadores, seguimento e avaliación.”

A experiencia destas catro décadas, explicou, demostra que non abonda con executar ben os fondos cando chegan, tamén é necesario “participar no momento no que se decide que políticas se financian, con cantos recursos e con que modelo de gobernanza”. Galicia ten que estar presente e ser “un actor principal na identificación das nosas necesidades específicas e do deseño das políticas necesarias para atendelas”, afirmou Corgos.

A Europa de hoxe ten por diante novos retos, como a perda de competitividade, as guerras arancelarias, ou as novas prioridades orzamentarias, entre outras. Por tanto, “precisamos garantir que as novas prioridades europeas non debiliten a cohesión económica, social e territorial nin o papel das rexións,” explicou o responsable da Facenda galega.

Para Galicia é especialmente importante preservar tamén o peso das políticas agraria, rural, marítima e pesqueira, porque “cando falamos do futuro do Marco Financeiro estamos falando de decisións que acabarán afectando ao abastecemento dunha vila, á modernización dunha explotación, á actividade dunha comunidade costeira, á atención ás persoas maiores, a unha empresa innovadora ou á capacidade dun territorio para crear emprego”, exemplificou Corgos.

Avanzar en dous sentidos

O conselleiro de Facenda dixo que Galicia debe aproveitar esta nova etapa para avanzar en dous sentidos ao mesmo tempo. “Por unha banda, incorporarnos plenamente ás novas prioridades europeas: innovación, intelixencia artificial, biotecnoloxía, tecnoloxías limpas, enerxía, resiliencia hídrica, vivenda ou autonomía estratéxica.”

Ao mesmo tempo, concluíu o conselleiro, “debemos preservar aquilo que está na esencia mesma da construción europea, que o lugar no que unha persoa vive non determine as súas oportunidades.” Ese principio, concluíu, é especialmente importante en Galicia “pola nosa estrutura territorial, polo peso do rural e do litoral e polo reto demográfico.”

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2026