Galicia defende en Bruxelas o papel das comunidades na configuración do novo marco financeiro plurianual da Unión Europea 2028-2034
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, intervén hoxe no Parlamento Europeo
Europa propón unha simplificación do sistema que non debe traducirse na centralización do mesmo, para respectar a cohesión territorial
Bruxelas, 29 de setembro de 2026
Galicia defende en Bruxelas o papel das comunidades na configuración do novo Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea 2028-2034. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos participa hoxe, no Parlamento Europeo, no acto da coalición EuRegions4Cohesion, organizada coa colaboración da Fundación Galicia Europa.
A proposta da Unión integra nun único Fondo e nun Plan de Colaboración Nacional e Rexional (PCNR) por estado membro o que no período anterior (2021-2027) se articulaba mediante programas e fondos diferenciados. O novo modelo busca simplificar as regras, aumentar a flexibilidade e reforzar a orientación a resultados, pero presenta algunhas cuestións de especial relevancia para Galicia.
O conselleiro vai aproveitar a súa intervención para demandar unha política de cohesión accesible a todas as rexións, cunha participación real das autoridades locais e rexionais na preparación e execución dos plans e cun enfoque territorial baseado na gobernanza multinivel. Así como a necesidade dun orzamento específico e diferenciado para preservar unha resposta financeira suficiente para políticas estratéxicas como a cohesión, a agricultura e a pesca.
Ademais dunha dotación suficiente para a política de cohesión, Galicia defende unha distribución territorial baseada en criterios obxectivos e transparentes, xa que o cambio de arquitectura non pode traducirse nunha perda abrupta da capacidade de investimento das rexións, nin deixar a asignación territorial exclusivamente á decisión do Estado membro.
Nesta liña, Miguel Corgos incide na necesidade de que o Plan español identifique de forma clara os recursos destinados á Comunidade e estableza garantías suficientes sobre a súa estabilidade, evitando a súa reorientación a outras prioridades sen a participación da autoridade responsable do capítulo rexional. Un capítulo que adaptará as reformas e investimentos ás necesidades e potencialidades de Galicia e establecerá fitos, obxectivos e produtos coherentes coas medidas programadas.
A integración dos fondos nun plan estatal único non debe implicar unha perda da dimensión territorial nin da capacidade de decisión autonómica nas materias da súa competencia.
Reforzar a gobernanza multinivel e o papel de Galicia
Corgos expón tamén na Cámara Europa a necesidade de que as comunidades autónomas participen desde o inicio na preparación do Plan español, é dicir, no seu deseño, na definición das prioridades, na asignación territorial dos recursos, na negociación dos capítulos e nos mecanismos de modificación e seguimento.
Para Galicia resulta ademais necesario concretar as funcións da autoridade de xestión rexional: sistema de asignación e garantía dos recursos, a participación na interlocución coa Comisión, o papel da función estatal de coordinación, os fluxos financeiros, o sistema de seguimento, control e auditoría e a relación entre o capítulo galego e os capítulos sectoriais ou estatais.
Así mesmo, o conselleiro de Facenda traslada unha preocupación específica pola integración da PAC e da política pesqueira no novo fondo, demandando recursos suficientes e claramente identificables para o sector primario, a preservación dunha resposta específica para o desenvolvemento rural e unha asignación visible e protexida para a pesca e a acuicultura.
O calendario de negociación do marco financeiro plurianual da Unión Europea 2028-2034 urxe a que España defina canto antes o seu Plan, abrindo un proceso de diálogo e acordo coas comunidades antes de que se consoliden as principais decisións sobre a súa configuración.
Con este fin, Corgos recorda que Galicia está xa a avanzar na preparación do seu capítulo rexional: a Estratexia Galicia-Europa 2030, que permitirá identificar prioridades, proxectos e reformas susceptibles de integrarse tanto no Plan como nos instrumentos de xestión directa da Unión Europea.
Se ben Galicia está de acordo na reforma da política de cohesión para simplificar os instrumentos de financiamento, o conselleiro de Facenda fai fincapé en que a simplificación non pode traducirse en centralización, de xeito que o marco financeiro plurianual só será compatible cunha verdadeira cohesión territorial se combina regras máis simples cunha gobernanza multinivel efectiva, recursos rexionais identificables e estables e capacidade real das autoridades territoriais para participar no programación e xestión dos investimentos.