O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a alcaldesa, Elena Candia, asinan dous convenios de colaboración para facelo posible
Alumnos do CIFP As Mercedes e do IES Sanxillao formaranse no Parque de Bombeiros, na Praza de Abastos e no Mercado Municipal de Lugo
O obxectivo é achegar os estudantes a contornas reais de traballo co complemento da experiencia das persoas que traballan nestas instalacións
O conselleiro destaca a colaboración institucional que está a prestar o Concello de Lugo en materia educativa, coa sinatura de tres acordos en menos de dous meses
Tamén felicitou ao piloto lucense Alonso Liste, terceiro no Campionato Europeo de Montaña cun monopraza preparado polo Centro Integrado de FP As Mercedes
Lugo, 25 de setembro de 2026
Os alumnos do Centro Integrado de FP As Mercedes e do Instituto Sanxillao poderán empregar distintas instalacións municipais para mellorar a súa formación a partir do vindeiro curso. Para facelo posible, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, asinaron hoxe dous convenios de colaboración, nun acto no que participou tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
Ao abeiro destes acordos os estudantes dos ciclos de grao medio en Emerxencias e Protección Civil e de grao superior en Coordinación de Emerxencias e Protección Civil do CIFP As Mercedes poderán empregar parte das instalacións municipais do Parque de Bombeiros. A Consellería de Educación será a responsable de aportar o persoal docente necesario e asumir os gastos de material funxible e de produtos consumibles necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas obxecto deste convenio. Tamén o equipamento preciso, aínda que os estudantes poderán empregar o dispoñible no propio Parque. Cómpre destacar que esta colaboración permite ao centro lucense ser o único centro público en Galicia que oferta estes dous ciclos.
Ademais, o Concello de Lugo porá a disposición do IES Sanxillao dous días ao mes o posto número 16 da Praza de Abastos para o desenvolvemento de proxectos e actividades formativas vinculadas á gastronomía e á hostalaría, ámbitos nos que está especializado o centro educativo. Neste caso, a materia prima necesaria poderá ser subministrada polos produtores da Praza de Abastos ou do Mercado Municipal de Lugo que decidan colaborar voluntariamente en cada actividade. Ademais de para mellorar a formación dos estudantes, a presenza dos mesmos nestas instalacións servirá tamén para difundir a oferta formativa do instituto.
Colaboración institucional
O titular do departamento educativo do Goberno galego puxo en valor a colaboración institucional que está a prestar o Concello de Lugo no ámbito educativo. Neste sentido, lembrou que hai menos de dous meses se asinou co Goberno municipal outro acordo para estender a máis cidadáns o uso das instalacións deportivas dos centros de ensino.
No caso concreto dos convenios asinados hoxe “van contribuír de xeito decisivo a ofrecer unha cualificación máis completa aos estudantes de Formación Profesional, porque lles vai permitir estar en contacto con instalacións e equipamentos reais de traballo”, sinalou o conselleiro. “Son unhas circunstancias e situacións que podemos simular nos centros, e de feito o facemos, pero que achegan un valor engadido moi importante ao alumnado se se fan nunha contorna real e co complemento da experiencia das persoas que alí traballan”, salientou.
Éxito do equipo de automobilismo
O conselleiro de Educación, o delegado e a directora xeral achegáronse tamén esta mañá ata o Centro Integrado de FP As Mercedes para felicitar ao piloto lucense Alonso Liste polos éxitos da tempada, na que alcanzou o terceiro posto da súa categoría no Campionato Europeo de Montaña e se asentou entre os 10 mellores pilotos da clasificación xeral.
Cómpre lembrar que alumnos e docentes das Mercedes traballaron durante meses para perfeccionar a mecánica e a aerodinámica do monopraza co que competiu Alonso Liste. Ademais, en cada unha das probas do campionato participou un alumno e un profesor, encargándose da asistencia en carreira.
Neste sentido, Román Rodríguez puxo en valor esta experiencia como “unha gran oportunidade para que os alumnos apliquen os coñecementos adquiridos no ciclo e coñezan de primeira man as esixencias técnicas dunha competición”. O CIFP As Mercedes e Alonso Liste traballan xa no seguinte campionato e, de feito, xa están a preparar o vehículo e a mellora do seu motor.