A Conselleira María José Gómez visitou as instalacións da empresa Mare Monte en Sanxenxo, dedicada á produción e comercialización

Medio Rural reafirma o seu apoio aos pequenos produtores do sector primario que poñen en valor a calidade diferenciada do agro galego

Gómez subliña o labor destas empresas no contexto da multifuncionalidade do monte, entendido como unha suma de aproveitamentos e tamén como un modelo no que produción, calidade, sustentabilidade e xestión do territorio se reforzan mutuamente

Destaca que todas estas producións poden atopar na calidade e na diferenciación unha vía para aumentar o seu valor e xerar actividade económica no territorio

Mare Monte é un operador amparado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) que se dedica á produción, elaboración e comercialización de conservas premium de cogomelos

Sanxenxo (Pontevedra), 25 de setembro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe o apoio da Xunta aos pequenos produtores do sector primario que traballan e poñen en valor a calidade diferenciada do noso agro. Foi nunha visita á empresa Mare Monte, situada en Sanxenxo e que se dedica á produción, elaboración e comercialización de conservas premium de cogomelos, e na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo alcalde da localidade, Telmo Martín.

Segundo destacou a conselleira, todo isto supón ademais “apostar por un produto de quilómetro cero, de proximidade” e, neste caso concreto, poñer en produción unha zona da interface urbano-forestal, co que tamén se consegue frear o abandono e mesmo facer prevención de incendios.  

A maiores, cómpre subliñar a importancia do labor que desempeñan este tipo de empresas no contexto da multifuncionalidade do monte, que non debe entenderse unicamente como unha suma de aproveitamentos (cogomelos, castaña, mel, gandaría extensiva etc.), senón que se trata de construír un modelo no que produción, calidade, sustentabilidade e xestión do territorio se reforcen mutuamente.

Neste sentido, Gómez destacou que todas estas producións poden atopar na calidade e na diferenciación unha vía para aumentar o seu valor e xerar actividade económica no territorio. Isto, ademais, ten indubidables beneficios adicionais, como o de contribuír á prevención dos incendios forestais. Así, a presenza de frondosas e, sobre todo, o mantemento de soutos activos e ben xestionados favorecen a creación de paisaxes máis diversas e con maior capacidade de resposta fronte aos incendios, dificultando en determinadas condicións a propagación do lume.

Escola de Pastores

Neste contexto, a gandaría en extensivo e o pastoreo desempeñan un papel fundamental e por iso Medio Rural está impulsando tamén a formación especializada neste ámbito, a través de iniciativas como a Escola de Pastores, orientada á capacitación en ovino e cabrún. Trátase de recuperar e potenciar os aproveitamentos, pero tamén de contar con persoas formadas que poidan convertelos en actividades profesionais economicamente viables. En definitiva, o obxectivo é formar para producir, pero tamén para xestionar o territorio.

Mare Monte é un operador amparado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) dende o ano 2024. Centra a súa produción nas conservas delicatessen de cogomelos e ten ata dez produtos certificados por este selo. Ao longo deste ano participou coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria nas feiras de Madrid Fusión e Fromago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2026