A Xunta de Galicia salienta en Santa Comba o valor da campaña ‘Merca no teu comercio’ para dinamizar as vendas nos negocios locais
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na entrega de premios nesta localidade coruñesa ao abeiro da iniciativa, enmarcada na colaboración do Goberno galego coa Federación Galega de Comercio
Santa Comba (A Coruña), 25 de setembro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou en Santa Comba na entrega de premios da campaña Merca no teu comercio desenvolvida na localidade, no marco da colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio. Alí salientou o valor deste tipo de accións para dinamizar o comercio de proximidade pois esta campaña percorrerá este ano 40 localidades sen centros comerciais abertos, chegando a máis de 60 asociacións de comerciantes.
Actualmente —ata o 30 de setembro— na provincia da Coruña Merca no teu comercio está activa nos barrios da cidade da Coruña e nas localidades de Camariñas, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. No caso da provincia de Lugo, percorre os concellos das Nogais, Baralla, Becerreá, Castro de Rei, Cervantes, Cospeito e Muimenta e, na de Pontevedra, os da Illa de Arousa, Salceda de Caselas e Vilanova de Arousa. Pola súa banda, na de Ourense está vixente nos concellos da Rúa, Allariz, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín e Vilamartín de Valdeorras.
Ao remate, en cada municipio entregaranse —como no caso de hoxe— 20 tarxetas regalo por valor de 50 euros. As persoas interesadas en participar deben rexistrar a súa compra na web www.mercanoteucomercio.com, da que tamén poderá deixar constancia a persoa comerciante, duplicando así as posibilidades de gañar da clientela. Unha mostra do valor desta iniciativa é que no ano 2025 se rexistraron máis de 92.000 participacións nos distintos concellos.