A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe o miradoiro de Gundián, integrado no sistema fluvial Ulla-Deza e restaurado cunha achega autonómica

Ángeles Vázquez salienta a concesión de máis de 1,8 M€ en axudas para preservar, recuperar e mellorar o patrimonio dos espazos protexidos de Galicia

Este ano outorgáronse 159 achegas para realizar estudos e investimentos sobre biodiversidade, potenciar servizos ecosistémicos e conservar hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais

Coincidindo co Día Mundial da Saúde Ambiental, a conselleira insiste na importancia de traballar para conservar a riqueza natural da Comunidade sen esquecer a relación directa entre o benestar dos seres humanos e a protección dos recursos ambientais

Considera que a intervención realizada polo Concello de Vedra é un bo exemplo do obxectivo da Xunta con estas achegas, xa que contribuirá a poñer en valor unha zona de especial interese paisaxístico no municipio, facilitando o seu uso público e desfrute

Vedra (A Coruña), 26 de setembro de 2026

A Xunta concedeu este ano máis de 1,8 millóns de euros en axudas para a preservación, recuperación e mellora do patrimonio natural e cultural nos espazos protexidos de Galicia, unhas achegas que contribuirán a executar diferentes tipos de proxectos nos seis parques naturais galegos, nas reservas de biosfera que non son de xestión autonómica e en espazos da Rede Natura 2000.

Así o destacou esta mañá en Vedra a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que visitou o miradoiro de Gundián, pertencente ao sistema fluvial Ulla-Deza e un dos espazos nos que se realizou unha intervención grazas a esta orde de axudas.

Explicou que ao abeiro da convocatoria deste ano o seu departamento outorgou 159 achegas a concellos, empresas, asociacións, persoas físicas e entidades xestoras destes espazos para realizar, con carácter xeral, estudos e investimentos co obxectivo de preservar a biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais nas áreas naturais de maior valor.

Neste sentido, a responsable autonómica insistiu na importancia de apoiar este tipo de accións nos espazos protexidos e non só polo seu impacto positivo desde o punto de vista da conservación da riqueza natural que alberga Galicia, senón tamén pola importancia que teñen estes enclaves naturais na calidade de vida das persoas.

De feito, lembrou que hoxe mesmo se celebra o Día Mundial da Saúde Ambiental, unha xornada na que considerou importante poñer o foco na relación directa que existe entre o benestar dos seres humanos e a protección dos recursos ambientais.

A modo de exemplo, referiuse á intervención realizada polo Concello de Vedra no miradoiro de Gundián, que en liña co obxectivo principal que busca a Xunta con estas achegas, contribuirá a poñer en valor unha zona de especial interese paisaxístico no municipio, facilitando o seu uso público e desfrute por parte de veciñanza e visitantes.

A axuda autonómica, por importe de 14.928,59 euros, permitiu instalar un peche perimetral de madeira nuns 130 metros para aumentar a seguridade deste espazo de uso público, delimitando axeitadamente a zona de observación e procurando, ao mesmo tempo, a súa integración coa contorna do val do Ulla, do que ofrece vistas privilexiadas. Tamén se levou a cabo a roza manual da vexetación na zona de actuación.

Ademais, cómpre lembrar que no ano 2022 o Concello de Vedra tamén recibiu 10.550 euros da Consellería para financiar unha intervención de adecuación na área recreativa de Agronovo, localizada en Rede Natura 2000.

Actuacións subvencionables

A orde de axudas de 2026 para actuacións en espazos naturais protexidos, cofinanciadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, divídese en dúas liñas: unha destinada a actuacións nas catro reservas de biosfera que non xestiona directamente a Xunta (As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Área de Allariz; Terras do Miño, e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá); e a outra, para apoiar proxectos en zonas Rede Natura 2000 ou nalgún dos seis parques naturais que hai en Galicia (Serra do Xurés; Serra da Enciña da Lastra; O Invernadeiro; Fragas do Eume; complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, e Monte Aloia).

En concreto, entre as actuacións subvencionadas hai accións de control e eliminación de exóticas invasoras, a redución e mitigación dos impactos na fauna das actividades humanas, a protección do solo, a realización de inventarios e estudos de concienciación. Tamén figuran accións de conservación e recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou que forman parte da paisaxe tradicional.

A orde de axudas permite, así mesmo, apoiar proxectos de creación e mellora de infraestruturas para xestionar e ordenar usos recreativos (rutas, sendas e camiños rurais ou de acceso a fincas) que garantan o aproveitamento público do espazo protexido. Ademais, subvenciónanse proxectos de sinalización; a construción ou mellora de aparcadoiros disuasorios, e a creación, restauración ou adecuación de miradoiros e áreas recreativas ou centros de interpretación, como é o caso da intervención visitada en Vedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2026