A Xunta destaca en Chantada o papel dos oficios artesanais na arquitectura contemporánea

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na inauguración das Xornadas ‘Oficio, arquitectura e territorio’ que se celebran ata o domingo co obxectivo de vincular arquitectura, territorio, técnicas artesanais e creación contemporánea

As xornadas están comisariadas por Alejandro García Hermida, director da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales, e entre os poñentes atópanse mestres artesáns de prestixio como Paco Luis Martos, Miguel Ángel Tapia, Luis Prieto ou Jesús Adeva

As xornadas compleméntanse cun taller sobre pinturas naturais aplicadas á construción, que se desenvolverá entre o luns 28 e o martes 29 de setembro

Trátase da cuarta edición dunha iniciativa impulsada polo Goberno galego dende 2023 para promover a modernización e a innovación do sector artesanal galego tomando como base os oficios tradicionais, os recursos locais e o rural

Chantada (Lugo), 26 de setembro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na inauguración das xornadas Oficio, arquitectura e territorio, impulsadas pola Fundación Artesanía de Galicia en San Cristovo de Mouricios (Chantada), centradas na construción tradicional. Durante a súa intervención, Gabriel Alén destacou a aposta da Xunta por estes encontros temáticos, iniciados no ano 2023 co obxectivo de promover a modernización e a innovación do sector artesanal galego tomando como base os oficios tradicionais, os recursos locais e a contorna rural. Sinalou tamén a relevancia dos oficios artesanais na arquitectura contemporánea, á que lle engaden un alto valor engadido tanto pola nobreza dos materiais e a excelencia na manufactura como pola súa versatilidade.

As xornadas Oficio, arquitectura e territorio —comisariadas por Alejandro García Hermida, director da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales de la Construcción— buscan crear un espazo de encontro entre a arquitectura e os oficios ligados á construción, así como incidir na relación das culturas construtivas locais co carácter propio de cada paisaxe e de cada territorio.

Programa

A primeira das charlas de hoxe corre a cargo do arquitecto portugués Fernando Cerqueira Barros (Arcos de Valdevez), especializado en patrimonio arquitectónico transfronteirizo da rexión do Gerês-Xurés e na rehabilitación do patrimonio construído, tanto de estruturas tradicionais coma monumentais.

A xornada continúa coa celebración de dúas mesas de debate. A primeira delas, Oficio e transmisión de coñecemento, estará moderada pola tecedeira e historiadora da arte Lala de Dios, e contará coa participación do teitador Manuel Monteserín (Balboa, León) e dos binomios mestre/artesán formados por Paco Luis Martos (Úbeda, Jaén) —especializado en artesoados mudéxares e recoñecido co Premio Nacional de Artesanía 2023, entre outros galardóns— e Florencia Iracema; e polo artesán imaxineiro Miguel Ángel Tapia (Viana de Cega, Valladolid) e Guillermo Bornstein.

Pola tarde celebrarase a mesa Oficio e arquitectura, moderada polo arquitecto e ceramista Carlos Jiménez Cenamor (Murcia), e na que participarán as arquitectas Ana Beltrán e Eva Sanjuán de Estudio Correoviejo (Valencia) —centrado na rehabilitación e posta en valor do patrimonio construído— e a colaboración entre o arquitecto Oriol Roselló (Girona) e o artesán Max Rutgers, especializado en carpintería de estrutura.

O domingo pola mañá terán lugar as outras dúas mesas de debate. A mesa Oficio e identidade estará coordinada por Raquel Buj, arquitecta e investigadora de materiais, e nela participarán Luis Prieto (Madrid) —mestre artesán especializado en estucos de cal e xeso artesanais e revestimentos tradicionais con pigmentos naturais—, Iván e Óscar Andrés Quintela arquitectos do estudio Arrokabe (Santiago de Compostela), e mais Jesús Adeva (Toledo), mestre de obra especializado na rehabilitación e restauración de edificios históricos e un dos maiores referentes nacionais en técnicas construtivas tradicionais aplicadas á restauración do patrimonio arquitectónico.

A última das mesas, Oficio e lugar, estará moderada por Alejandro García Hermida e contará coa participación da arquitecta Celsa Pesqueira (Pontevedra), do canteiro Xosé Calviño (Rodeiro) —artesán inscrito en Artesanía de Galicia— e mais do escultor Octavio Vázquez, de Paudepedra (Lugo), especializado en pedra natural.  As xornadas pecharanse o domingo ás 14,00 h. cunha intervención de Rebeca Gómez-Gordo Villa, arquitecta e directora de Proxectos da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales.

Taller sobre pigmentos naturais

As xornadas complétanse co taller As cores naturais na construción actual, que estará impartido por Luis Prieto entre o luns 28 e o martes 29 de setembro. No curso amosarase a riqueza dos pigmentos naturais autóctonos de cada territorio e o seu uso e evolución ao longo da historia. Durante dous días centrarase no estudo das terras naturais, óxidos e as súas diferenzas, na extracción e elaboración de materias colorantes, o moído de pigmentos e o uso da cor. O obradoiro completarase cunha parte práctica de elaboración de pintura con diferentes elementos como madeira, leite, ovo, sodio ou cal, para crear un mostrario de materiais e técnicas que sirva de guía aos participantes. Desenvolverase de 10,00 a 14,00 h. e de 15,30 a 19,30 h. e conta con 12 prazas.

Data de actualización: 26/09/2026