A Xunta licita por 1,2 M€ a rehabilitación integral do Colexio Camiño de Santiago, no Pino

Tal e como comprometera o conselleiro no verán, renovarase por completo a envolvente dos edificios, acadando un aforro enerxético e de emisións dun 30%

Como consecuencia, producirase unha importante mellora no confort diario da comunidade educativa do único colexio de Infantil, Primaria e Secundaria do concello

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de licitar por case 1,2 M€ a rehabilitación integral co Centro Público Integrado Camiño de Santiago, no Pino. Cúmprese así co compromiso adquirido polo conselleiro Román Rodríguez, na súa visita ao centro o pasado mes de agosto, de iniciar os trámites para contratar esta obra neste ano 2026.

A intervención vai supoñer a renovación total da envolvente do que é o único colexio de Infantil, Primaria e Secundaria deste concello coruñés, acadando un aforro enerxético do 30% tanto en consumo de enerxía primaria non renovable como en emisións de dióxido de carbono. Como consecuencia, producirase tamén unha importante mellora no confort térmico diario da comunidade educativa.

O programa de actuacións contempla a substitución de 1.942,83m² de cuberta, 126 fiestras e cinco portas. Ademais, aplicarase sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE en 1886m² de fachadas e instalaranse 626 novas luminarias de alta eficiencia enerxética e 179 luces de emerxencia.

O CPI Camiño de Santiago está composto por un edificio orixinal que está a piques de cumprir 50 anos e dunha ampliación que data de finais dos 90. O illamento das fachadas e a renovación de carpinterías exteriores e luminarias afecta a ambos edificios, mentres que a cuberta só se mudará no edificio orixinal e nos patios exteriores. A maiores, colocaranse falsos teitos en todo o centro e renovarase a chapa exterior que pecha a escaleira de emerxencia, entre outras tarefas.

Data de actualización: 26/09/2026