A Xunta lanza ‘Aquí Sabemos’, a nova marca que unirá os produtos agroalimentarios de calidade diferencia de Galicia para seguir impulsando a súa visibilidade

A marca reúne baixo unha imaxe común as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, artesanía alimentaria e agricultura ecolóxica para facilitar que a cidadanía as coñeza e as identifique

Territorio, calidade, tradición e oficio son os catro eixos que dan sentido á nova identidade

A imaxe implantarase de maneira gradual e darase a coñecer a través dunha campaña de difusión nos medios de comunicación

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia presenta Aquí Sabemos, a expresión que acompañará a nova identidade dos Alimentos de Calidade Diferenciada de Galicia para dar a coñecer de forma conxunta os produtos agroalimentarios galegos certificados. A iniciativa toma a remuda de Experiencias de Calidade e nace para facer máis recoñecible a diversidade de alimentos e bebidas que contan con garantías vinculadas á súa orixe ou á súa forma de produción.

O concepto Aquí Sabemos expresa unha idea sinxela: detrás destes produtos hai coñecemento. O das persoas que cultivan, crían, elaboran e transforman; o que se transmite entre xeracións; e tamén o que permite innovar e adaptar a produción ás necesidades actuais. A expresión fala, ao mesmo tempo, do saber facer e do sabor que distingue estes alimentos. Cada produto ten características propias, pero todos contribúen a contar a riqueza e a calidade agroalimentaria de Galicia.

Unha identidade común para produtos con selo propio

A nova identidade servirá de paraugas para presentar esa diversidade sen restar protagonismo a cada produto nin á súa figura de calidade. As denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, artesanía alimentaria e agricultura ecolóxica manterán os seus nomes e as súas garantías específicas. Ao mesmo tempo, a imaxe común axudará á cidadanía a coñecer o conxunto destes alimentos e a identificar o valor que hai detrás de cada selo.

Aquí Sabemos permitirá tamén dar maior visibilidade ao traballo das persoas produtoras e elaboradoras e á relación entre os alimentos e o territorio. A nova identidade poderá empregarse nas distintas accións de promoción da calidade agroalimentaria galega, desde campañas e eventos ata materiais informativos e puntos de venda.

Territorio, calidade, tradición e oficio son os catro eixos que dan sentido a Aquí Sabemos. O territorio no que nacen os alimentos; a calidade que acreditan os procesos e controis; a tradición dos coñecementos transmitidos entre xeracións; e o oficio das persoas que os producen e elaboran cada día. Son catro formas de contar o que hai detrás dos produtos galegos de calidade diferenciada.

A nova imaxe irase incorporando aos distintos soportes e accións de promoción. Tamén está prevista a adaptación da web que reúne a información sobre estes produtos. A implantación progresiva irá acompañada dunha campaña nos medios de comunicación para dar a coñecer Aquí Sabemos e achegar á cidadanía o valor dos alimentos galegos de calidade diferenciada.

Con esta iniciativa, a Consellería do Medio Rural quere que máis persoas coñezan estes alimentos, recoñezan as garantías que os distinguen e descubran ás persoas e os lugares que hai detrás deles.

Ligazóns ás redes da Xunta:

X: https://x.com/Xunta/status/2103506767665848704?s=20

FB:' title='https://www.facebook.com/xuntadegalicia/posts/pfbid025unerAVbDS7DF2KhcvCYc66VBM6UFTra5p4TgBidDRRjCaUf826AdNCMGtB6mrLzl">'>https://www.facebook.com/xuntadegalicia/posts/pfbid025unerAVbDS7DF2KhcvCYc66VBM6UFTra5p4TgBidDRRjCaUf826AdNCMGtB6mrLzl"> https://www.facebook.com/xuntadegalicia/posts/pfbid025unerAVbDS7DF2KhcvCYc66VBM6UFTra5p4TgBidDRRjCaUf826AdNCMGtB6mrLzl

IG: https://www.instagram.com/p/DdtydByNn_S/?utm_source=ig_web_copy_link&stkn=NTc4MTIwNjQ2YQ==

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2026