O presidente da Xunta presenta en Madrid a campaña promocional do Ano Santo

Rueda pon en valor que Galicia afronta o Xacobeo no seu mellor momento e anima a visitala durante o próximo ano

Destaca que, a menos de 100 días deste evento único, segue aumentando a afluencia de peregrinos

Adianta que a Xunta traballa nunha programación cultural e musical de primeira e no acondicionamento de Camiño e no seu contorno

A campaña publicitaria combina os conceptos de Xacobeo e Galicia Calidade e ten como banda sonora unha canción interpretada polo galego Iñigo Quintero, xunto ao dúo Besmaya

Madrid, 25 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor que Galicia afronta o Xacobeo 2027 no seu mellor momento e animou a visitala durante o próximo Ano Santo para aproveitar esta oportunidade histórica.

Así o sinalou esta tarde durante a presentación en Madrid da campaña institucional que promocionará este evento. No acto estivo tamén acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e polo comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román.

Durante a súa intervención, o titular do Executivo autonómico destacou varios dos atractivos de Galicia como as paisaxes, o patrimonio cultural, o Camiño de Santiago, a hospitalidade da poboación ou a gastronomía.

Ademais, salientou os bos datos turísticos que está rexistrando a comunidade. Así, apuntou que no que vai de ano recolleron a Compostela máis de 467.000 peregrinos, un 7% máis que no exercicio anterior. Con todo, segundo as estimacións achegadas polos sensores situados no Camiño, apuntan que a afluencia sería moito maior, duns 730.000 camiñantes, xa que non todos os que fan a ruta recollen a acreditación ao rematala.

Rueda tamén recordou o traballo que está facendo de cara a prepararse para o Ano Santo, para o que quedan menos de 100 días. En concreto, lembrou que se está deseñando unha programación musical e cultural de primeiro nivel, ademais dos traballos para acondicionar os Camiños e todo o seu contorno. O obxectivo é que o Xacobeo sirva como un escaparate da Galicia Calidade e para consolidar á comunidade como un destino de primeiro nivel.

A campaña

A campaña presentada hoxe une os conceptos de Xacobeo e Galicia Calidade, e sitúa no eixo central o concepto do “mellor momento”, en referencia á situación actual da comunidade autónoma, a que o próximo ano será unha ocasión única para visitar o territorio e apelando ao propio público para que vivan as súas mellores experiencias en Galicia.

A banda sonora do anuncio é a canción El tiempo que paso contigo, interpretada polo galego Iñigo Quintero xunto ao dúo Besmaya. A campaña difundirase en televisión, radios, xornais, medios dixitais e soportes exteriores.

O acto de presentación en Madrid completouse coa celebración na Porta do Sol de dous concertos de Iñigo Quintero e Baiuca, artistas que son exemplo do talento galego contemporáneo.

Data de actualización: 25/09/2026