Controlado o incendio forestal do Concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín
O lume iniciouse ás 13,36 horas do pasado xoves e segundo as últimas medicións provisionais afecta 518 hectáreas
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2026
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal que se rexistra no concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín, está controlado desde as 13,18 horas de hoxe domingo. O lume iniciouse ás 13,36 horas do pasado xoves e segundo as últimas medicións provisionais afecta unha superficie de 518 hectáreas.
Neste incendio foi necesario declarar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de As Meaus, no concello limítrofe de Baltar, unha situación operativa de emerxencia xa desactivada. Para a extinción do lume mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 técnicos, 47 axentes, 54 brigadas, 33 motobombas, 5 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 11 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.