Extinguido o incendio do Concello lucense de Quiroga, parroquia de Pacios da Serra
O lume afectou finalmente unha superficie de 467,4 hectáreas, das cales 397 corresponden a monte arborado e as 70,4 restantes a raso
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2026.
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal iniciado o martes 15 no concello lucense de Quiroga, parroquia de Pacios da Serra, quedou extinguido ás 13,55 horas de hoxe. Neste lume foi preciso decretar o pasado mércores, día 16, a Situación 2 como medida preventiva, pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que xa quedou desactivada nesa mesma xornada.
O incendio afectou finalmente unha superficie de 467,4 hectáreas, das cales 397 corresponden a monte arborado e as restantes 70,4 a raso. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 16 técnicos, 103 axentes, 139 brigadas, 93 motobombas, 9 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 12 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.