A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á instalación dun campamento turístico en Sober
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o proxecto teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
As instalacións ocuparán unha superficie de máis de 18.000 m2 na parroquia de Doade e constarán de 20 construcións estables tipo cabana, así como unha edificación dedicada a recepción e servizos xerais
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto para a instalación dun novo campamento de turismo de tres estrelas, composto por 20 cabanas prefabricadas, na contorna dunha adega existente e os viñedos da súa propiedade, no concello de Sober.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados da súa execución sempre que se cumpran os condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia deseñado ao abeiro da iniciativa.
En canto aos detalles do proxecto, promovido por Heroica Enoresorts SL, estará localizado nunha parcela de 18.169,16 metros cadrados na parroquia de Doade. Instalaranse 20 cabanas prefabricadas con capacidade para 40 persoas, así como un edificio destinado a servizos comúns, como, por exemplo, unha recepción ou unha tenda de venda de produtos de primeira necesidade.
Todas as cabanas serán prefabricadas, independentes entre si e dunha soa planta o que favorece a súa integración visual na contorna rural e minimiza o impacto paisaxístico. De feito, incorporan cubertas verdes axardinadas, optimizando o illamento térmico e difuminando o impacto visual na contorna natural.
Cómpre subliñar que este informe de impacto ambiental foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública sen que se recibirá ningún escrito ou alegación, ao tempo que foron consultados un total de sete organismos.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e leitos fluviais; do solo e infraestruturas; do patrimonio natural e cultural, así como nos eidos da integración paisaxística e da xestión de residuos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente elixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo —a Axencia de Turismo de Galicia— e dáselle publicidade mediante o correspondente anuncio no DOG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.