Belén do Campo destaca o apoio de máis de 70.000€ á adega Valdés para mellorar o seu equipamento

A delegada da Xunta visitou as instalacións desta adega beneficiaria das axudas autonómicas para investimentos na elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas

Vedra (A Coruña), 28 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde en funcións de Vedra, Enrique Vázquez, a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo e o xerente da adega Valdés, Manuel Carlos Valdés, visitaron hoxe as instalacións da adega, situadas na parroquia de Santa Cruz de Rivadulla, para coñecer de primeira man o resultado do investimento realizado pola empresa ao abeiro das axudas da Xunta para investimentos na elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.

A empresa foi beneficiaria, na convocatoria correspondente ao ano 2025, dunha axuda de 70.720 euros para apoiar un investimento próximo aos 179.000 euros destinado á adquisición dun filtro de membranas. Este equipamento permite mellorar os procesos de filtración de viños e fangos, ao ofrecer un maior rendemento e unha maior eficiencia enerxética. O ano pasado recibiron estas achegas 27 entidades cun orzamento de máis de 5,4 millóns de euros para chegar a un investimento subvencionable de 18 millóns.

Estas axudas da Xunta teñen como finalidade apoiar os investimentos das empresas vitivinícolas para a elaboración e comercialización de produtos do sector. As achegas poden destinarse a actuacións materiais e inmateriais vinculadas ás instalacións de transformación e ás infraestruturas das adegas, así como a estruturas e instrumentos de comercialización.

Entre os investimentos susceptibles de recibir apoio atópanse tamén aqueles destinados a mellorar o aforro e a eficiencia enerxética, optimizar os procesos produtivos, avanzar na sustentabilidade ambiental, incorporar innovación e novas tecnoloxías, mellorar a comercialización e desenvolver novos produtos ou presentacións.

Deste xeito, explicou a delegada “o apoio público permite ás adegas afrontar investimentos para modernizar as súas instalacións e equipamentos, mellorar a súa capacidade produtiva e reforzar a súa competitividade”.

A Consellería do Medio Rural volveu a destinar este ano 2026 preto de 5,5 millóns de euros nunha nova convocatoria das axudas en investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, das cales se poden beneficiar empresas vitivinícolas (fundamentalmente as adegas), as organización de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, así como as organización interprofesionais e as profesionais.

A representante do Goberno autonómico lembrou o peso que ten Galicia no sector vitivinícola español, cuns 10.000 produtores e máis de 440 adegas que representan xa o 1,4% do PIB galego e comercializan os seus produtos por todo o mundo.

Adega Valdés

A delegada puxo en valor, ademais, o compromiso de Adega Valdés coa actividade vitivinícola e coa xeración de actividade económica e emprego no rural, ao contar cun cadro de persoal de dez persoas e traballan nun total de 32 hectáreas de viñedo producindo a redor de 400.000 botellas. Esta empresa foi constituída no ano 2001 por Manuel Valdés Lema e Manuel Carlos Valdés Cabo e nese mesmo ano puxo en marcha a súa adega de elaboración e embotellado en Tomonde.

A empresa elabora viños acollidos á Denominación de Orixe Rías Baixas, na subzona Ribeira do Ulla, principalmente viños brancos da variedade Albariño, así como viños plurivarietais nos que tamén emprega Treixadura.

A súa produción inclúe tamén unha pequena cantidade de viños tintos da variedade Mencía e viños espumosos de calidade. A adega procesa anualmente arredor de 230 toneladas de uva, procedente maioritariamente dos seus propios viñedos, e comercializa os seus produtos baixo as marcas Gundián e Pazo Viladomar.

Unha vendima que confirma a fortaleza do sector vitivinícola galego

A visita prodúcese na recta final dunha vendima que está a deixar bos datos no conxunto de Galicia. No caso da D.O. Rías Baixas, a campaña de 2026 comezou o pasado 13 de agosto, a data máis temperá da súa historia, precisamente na subzona de Ribeira do Ulla.

A D.O. Rías Baixas, que representa o 60% de toda a vendima de Galicia, exténdese por 5.057 hectáreas, está atendida por 4.864 viticultores, e conta con 178 bodegas inscritas. Concretamente a subzona Ribeira do Ulla conta con 103 viticultores, 479 parcelas, unha superficie de 518,04 hectáreas e 11 bodegas.

Rematada a vendima contabilizáronse na D.O. Rías Baixas 46.846.700 millóns de quilos de uva recollidos, cunha valoración positiva do estado sanitario e da calidade da uva, caracterizada por un equilibrio entre o grao alcohólico e a acidez.

No conxunto de Galicia, a vendima afronta tamén a súa recta final, consolidando o peso dun sector que combina tradición, innovación e capacidade de adaptación ás novas demandas do mercado.

Belén do Campo incidiu en que o apoio ás empresas do sector permite acompañar os investimentos necesarios para modernizar as adegas, mellorar a eficiencia e incrementar o valor engadido dos produtos galegos, favorecendo ao mesmo tempo a actividade económica, a innovación e o emprego no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2026